Francisco Conde acusa ao Goberno de Sánchez de frear Alcoa por falta de garantías no prezo da enerxía

AMariñaXa
O deputado lucense denuncia no Congreso que o Executivo non activou as bonificacións necesarias para garantir a competitividade da planta da Mariña
FConde-e-JDeOlano-Comisión-Industria-Congreso
27 May 2025

O deputado do PP por Lugo e voceiro de Industria do Grupo Popular no Congreso, Francisco Conde, cargou con dureza contra o Goberno central durante a súa intervención na Comisión de Industria e Turismo, ao sinalar que “Alcoa non confía no Executivo de Pedro Sánchez” e por iso decidiu paralizar a reactivación das cubas en San Cibrao prevista para o 1 de outubro de 2025. Segundo o parlamentario, a compañía desconfía da capacidade do Estado para garantir un subministro eléctrico a prezos competitivos, o que pon en risco a viabilidade da factoría.

Conde denunciou que as bonificacións nas peaxes e as compensacións eléctricas non están vixentes, polo que non están a dar resposta ás necesidades das industrias electrointensivas. “No ano 2024 executáronse 180 millóns de euros en bonificacións, pero desde o 1 de xaneiro de 2025 esas medidas carecen de cobertura legal, e polo tanto non serven”, explicou.

Tamén advertiu que o Estatuto do consumidor electrointensivo leva máis de dous anos pendente de modificación, e que na práctica só achegou 29 millóns de euros en 2024, unha cantidade que considera claramente insuficiente. A maiores, sinalou que non se volveron convocar subastas para centrais cuxo ciclo de vida rematou, o que contribúe a incrementar a incerteza enerxética.

No seu discurso, Conde dirixiuse á secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, para esixir explicacións sobre os custos operativos e financeiros que as empresas están a asumir debido ao apagamento eléctrico, que cualificou de “fracaso do Goberno no deseño do mix enerxético”. O popular considera que esta situación supuxo un dano reputacional a nivel internacional e un impacto económico directo, xa que as empresas están a soportar 4.000 millóns de euros en servizos de axuste sen saber canto tempo máis durará esta situación.

“O máis grave é que o Goberno recoñece que non sabe o que pasou, ou peor aínda, non se atreve a dicilo por medo ás consecuencias políticas e económicas que podería supoñer asumir responsabilidades”, sentenciou o deputado lucense.

⚙ Configurar cookies
0.2749240398407