Fran Cajoto: “Intentamos axudar nun período que é máis duro do habitual”

Foz
TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Fran Cajoto prepárase pasar o segundo inverno baixo unhas condicións sanitarias extremas e co factor engadido de ter que levar sobre os seus ombreiros tamén a Mancomunidade de concellos da Mariña.
Fran Cajoto: “Intentamos axudar nun período que é máis duro do habitual”
12 Oct 2020

Fran Cajoto prepárase pasar o segundo inverno baixo unhas condicións sanitarias extremas e co factor engadido de ter que levar sobre os seus ombreiros tamén a Mancomunidade de concellos da Mariña. Este enxeñeiro de camiños xa se fixo un nome na política local, na que entrou no 2015 ocupando xa a primeira liña dende o 1017.

Como se prepara o Concello para un inverno nestas condicións?

Con moita responsabilidade e asumindo un sobreesforzo na organización e tamén nas partidas orzamentarias, incluso en competencias propias doutras administracións, suplindo o traballo que outros non fixeron. Pensemos nos colexios: Foz ten tres colexios públicos e vímonos na obriga de dispoñer máis persoal para realizar as desinfeccións que marcan os protocolos. Tamén estamos a organizar distintas actividades en apoio ao comercio e hostalería local, intentando axudar nun período que pode resultar máis duro do habitual, readaptando os actos culturais ao escenario covid o que implica moito traballo organizativo, pero sempre de xeito responsable.

Que papel xogaron as distintas administracións nesta situación?

Pois como che dicía, a resposta non foi a que esperabamos. Non pretendemos que fagan o traballo que nos corresponde, pero si que cada administración asuma as súas competencias. No tocante aos colexios, os concellos temos responsabilidade no mantemento e na limpeza, non en desinfeccións ou en pequenas obras auxiliares que foi necesario acometer para garantir un inicio académico con normalidade. Esperemos que se rectifique e neste caso a Xunta de Galicia asuma a súa obriga ou aporte os fondos necesarios, estamos a reclamalo todos os concellos, deputacións e a Fegamp.

Que vantaxes ou desvantaxes supón nesta situación vivir nunha pequena localidade?

Eu particularmente considéroo unha vantaxe, xa que minimizamos o risco de contaxios das áreas máis densamente poboadas. Pensemos no metro ou outro transporte público en Madrid: nós non temos eses riscos asociados. Tamén é certo que temos un sistema sanitario con menor capacidade ou medios: é aí onde hai que actuar, dotar recursos e contratar profesionais médicos para estar preparados ante un posible gromo. De todas formas, o principal valor é a responsabilidade individual, seguir practicando o distanciamento social. 

Como se afrontou o turismo ou o aumento da poboación no verán?

Este ano houbo dous veráns. Un mes de xullo completamente anómalo, sen turismo polo peche que se decretara na Mariña, e que provocou graves perdas no pequeno comercio e na hostalaría. No mes de agosto recuperouse a situación e en xeral a actividade foi semellante a outros anos. Hai que felicitarse, porque coa multiplicación de poboación do mes de agosto os positivos en covid-19 non se incrementaron, senón ao contrario. Iso é mérito de todos e teño que felicitar tamén a todas as forzas de seguridade e de orde público, que co seu traballo evitaron que houbese incidencias destacables. O Concello contribuíu cunha programación cultural na rúa en pequeno formato que animou un verán atípico, evitando aglomeracións

Como valoraría o seu papel ao fronte da Concello?

Non me corresponde a min valoralo, son as veciñas e veciños os que deben facelo, agora e cando nos examinen nas eleccións municipais…O que si, teño que agradecer o traballo do equipo de Goberno, hai que destacar o esforzo e a cantidade de tempo que lle adican todos os concelleiros, a ilusión que lle poñen… e máis nunha situación tan complicada, algunha cana que outra nos está saíndo.

Foi complicado sobrelevar a situación de pandemia?

E sígueo sendo. Non é fácil e non había ningún manual escrito, tocou arremangarse e traballar. De todas maneiras se aplicamos o sentido común normalmente acertaremos, aínda que ninguén está exento de equivocarse. En calquera caso, nós estamos para xestionar, para quen realmente foi complicado é para todas aquelas persoas que se quedaron sen traballo, que tiveron que acudir aos servizos sociais do Concello por primeira vez na súa vida, para cubrir as súas necesidades máis básicas: aí é onde a Administración ten que estar, con aqueles que o están a pasar realmente mal.

Que necesidades ten agora mesmo Foz?

Foz ten moitas necesidades, en moitos ámbitos. No campo das infraestruturas, seguimos sen depuradora, un novo acceso ao núcleo urbano, o arranxo de multitude de rúas e viais no núcleo e nas parroquias que están en mal estado, completar o saneamento, levar a fibra e a telefonía móbil a todo o concello, etc. Sen embargo, estamos nunha situación distinta e excepcional, na que o social –despois da saúde pública- se converteu na prioridade fundamental. Pensemos tamén na fábrica de aluminio de San Cibrao: precisamos que a poboación teña unha seguridade, que non se perda nin un só emprego estable e de calidade.

Cales son os proxectos máis inmediatos?

No campo das infraestruturas estamos renovando os servizos e o firme de dúas rúas no centro de Foz, asfaltando camiños e estacionamentos, sacando a licitación tamén o arranxo do firme dos dous accesos a Foz e de varios viais, contratando o Plan de Mobilidade –fundamental para o desenrolo do núcleo urbano- e outros moitos proxectos. Tamén estamos traballando na programación cultural de outono e inverno, readaptándoa á situación actual. Hai máis accións que están nunha fase inicial e que esperemos que cheguen a bo porto, a verdade é que continuamos traballando con ilusión.

E en termos máis globais, cales son os obxectivos da Mancomunidade?

O obxectivo da Mancomunidade é traballar en conxunto entre todos os concellos naqueles temas que nos poden beneficiar a todos. Así, por exemplo, é habitual a compra de contedores de lixo a través da Mancomunidade, que así saen moito máis económicos. De todas maneiras, a acción máis importante da Mancomunidade é a promoción turística de toda a comarca no seu conxunto, xa que é a responsable do xeodestino A Mariña. Tivemos unha oportunidade moi boa de obter recursos cos Plans de Sostibilidade Turística da Secretaría de Estado de Turismo: sen embargo, a Xunta de Galicia relegounos ao cuarto posto dos catro plans presentados desde Santiago que optaban a un dos dous proxectos cofinanciados polo Goberno do Estado. Unha verdadeira mágoa: esperemos que na convocatoria do próximo ano a Xunta realmente aposte por unha comarca esquecida e nos coloque no primeiro posto.

Que se necesita mellorar?

Temos que medrar en infraestruturas: cando nos afastaron da Autovía do Cantábrico e desviaron o trazado á Terra Cha limitaron as posibilidades dunha comarca que está ferida, con problemas de gran calado como a fábrica de aluminio de San Cibrao. Necesitamos inversións, diversificar e apoiarnos nos recursos que temos.

Que proxectos concretos están previstos?

No campo turístico vamos seguir incidindo na promoción do turismo slow e de calidade. Agora mesmo, por exemplo, estase traballando nas audioguías ficcionadas de Lourenzá e de Alfoz. Tamén se vai a ampliar o programa de A Mariña en Ruta pola gran acollida que tivo…e desde logo vamos a solicitar de todas as maneiras posibles que na próxima convocatoria da Secretaría de Estado de Turismo o Plan de Sostibilidade da Mariña vaia de número 1 na listaxe da Xunta de Galicia: non se pode relegar a unha comarca cando está en xogo o seu futuro.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17385220527649