Fran Cajoto denuncia que Foz perde 120.000 euros polo incumprimento na cesión de terreos de Portos de Galicia
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, denuncia que o Concello perde 120.000 euros ao ano polo incumprimento na cesión de terreos de Portos de Galicia. O rexedor tratou este asunto co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) porque esta entidade e a Xunta de Galicia asinaron no ano 2021 un convenio para a cesión de espazos portuarios en desuso, acordo que aínda non se cumpriu.
Fran Cajoto recibiu a visita do presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela Paz. Na reunión trataron distintos temas de interese, como a infrafinanciación da Xunta de Galicia no municipio, que supón un sobrecusto de 800.000 euros anuais para as arcas municipais. “O Concello de Foz está asumindo competencias da Xunta no servizo de axuda no fogar e na residencia de maiores e non recibe os fondos necesarios para sufragar estes servizos”.
Ademais, Portos de Galicia está incumprindo un acordo do ano 2021 coa FEGAMP e obrigando ao Concello a pagar 120.000 euros anuais en concepto de taxas pola ocupación de espazo para servizos públicos como a piscina, a aula de seguridade viaria, a celebración de festexos, a nave do club Kayak ou a celebración do mercado dos martes. “Estamos a falar de máis de dous anos e medio e aínda non sabemos nada da valoración da solicitude, resulta completamente inaceptable”, explica Cajoto.
O alcalde indica que este desfase nas contas estano pagando as veciñas e veciños de Foz, cando non lles corresponde. “A través das taxas e impostos municipais, que foron actualizados, temos que suplir a falta de financiamento da Xunta. Demandamos o mesmo compromiso que hai desde Santiago con outros concellos: nin máis nin menos”, finaliza Fran Cajoto.