Foz xa permite renovar as claves do DNI sen saír do concello

O Concello de Foz conta desde hai uns días cun novo servizo público que facilitará trámites administrativos a moitas persoas do municipio: o Punto de Actualización de Documentación (PAD) da Policía Nacional. Grazas a esta ferramenta, os veciños e veciñas poden xa renovar as claves e certificados electrónicos do Documento Nacional de Identidade sen necesidade de desprazarse a outras localidades como Viveiro.
Este novo PAD está operativo durante o horario habitual da casa consistorial, polo que calquera persoa interesada pode acudir ao propio Concello para realizar estas xestións de forma sinxela e rápida.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, expresou a súa satisfacción pola posta en marcha deste servizo e agradeceu especialmente a colaboración institucional. “Queremos agradecerlle ao comisario da Policía Nacional en Lugo, Luis Romera, e á subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, a súa implicación. Grazas a eles, este servizo é unha realidade e un paso máis para seguir ofrecendo comodidade á cidadanía, evitando desprazamentos innecesarios”, explicou o rexedor.
Ademais, Cajoto avanzou que xa están manténdose conversas para ampliar as prestacións do servizo: “Estamos traballando para que en breve tamén se poida renovar a tarxeta física do DNI en Foz, sen ter que saír do noso concello. É un compromiso firme que queremos facer realidade o antes posible”, asegurou.
O novo PAD súmase a outras melloras recentes no eido da administración electrónica e reafirma a vontade do Concello de Foz de seguir ampliando servizos de proximidade, especialmente aqueles que teñen que ver coa accesibilidade e a axilidade burocrática.