Foz volverá levar a pleno a adxudicación da residencia de maiores

Foz
AMariñaXa
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Foz, Javier Castiñeira, móstrase satisfeito ante o informe xurídico do Concello
residencia foz
23 Out 2024

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Foz, Javier Castiñeira, móstrase satisfeito ante o informe xurídico do Concello que avala o recurso do PP e confirma que Cajoto incumpriu a legalidade no pleno extraordinario do 15 de xullo para adxudicar a Residencia de Maiores. Aseguran que nesa sesión plenaria o rexedor focense non deixou nin que se votara a emenda presentada polo Partido Popular na que se pedía que se deixara o asunto enriba da mesa.

Destacan que se infrinxiu deste xeito, un artigo do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, polo que o alcalde tiña que ter deixado votar a emenda dos populares e por motivos propios, partidistas ou externos non quixo facelo a pesar das advertencias de Castiñeira. O equipo de goberno terá que levar ao próximo pleno a revogación ou anulación do acordo adoptado no pleno extraordinario de xullo.

“É moi grave que o señor alcalde incumpra un regulamento porque non lle era favorable e debería pedir perdón, non so aos concelleiros do PP e do BNG que viron suplantados os seus dereitos, senón tamén, sobre todo, aos familiares dos usuarios da residencia presentes naquel pleno fallido”, opina o voceiro popular. “Desde o Partido Popular de Foz volvemos a pedirlle a Cajoto e aos seus concelleiros que volvan á senda da razón, que traballen nunha nova ordenanza de axudas ao servizo da Residencia de Maiores e que saquen un novo contrato adaptado ás verdadeiras necesidades do servizo como levamos pedíndolle desde o 2022”, finaliza Javier Castiñeira.

0.1798689365387