Foz volve ao pasado coa XIII Festa Normanda

A localidade de Foz prepárase para revivir un dos capítulos máis singulares da súa historia coa celebración da XIII Festa Normanda, que terá lugar do 28 ao 31 de agosto. Esta cita, xa consolidada como unha das máis emblemáticas da Mariña, transformará as rúas e prazas nun mercado medieval cheo de cor, sons e tradición.
O programa arrinca o xoves 28 co pregón a cargo de Pepe Peinó e o Festival Folclórico, e continuará ao longo da fin de semana cunha ampla oferta que inclúe pasarrúas, recreacións históricas, música en directo, demostracións de oficios, ceas temáticas e espectáculos de lume e pirotecnia.
Un dos momentos máis agardados será o Gran Desembarco Normando, que terá lugar o sábado 30, acompañado dunha representación teatral a gran escala e unha posterior sesión vermú en Tupide. O domingo, os máis pequenos tamén terán o seu protagonismo co Desembarco Infantil e a sempre esperada Festa da Escuma na Praza Conde de Fontao.
A cita complétase con actividades para todas as idades: xogos tradicionais, música de charangas, actuacións de grupos como Ruxe Ruxe ou Komballuro, e o impresionante Funeral Normando, con lume e malabares, que porá a guinda á noite do sábado.
Dende o Concello de Foz e a organización convidan a veciños e visitantes a mergullarse nesta viaxe ao pasado, gozando dun ambiente único que combina historia, cultura e diversión.