Foz vibra este sábado con dúas grandes citas deportivas: a VI Velada de Kickboxing e o VI Cross Os Castros

Foz prepárase para unha intensa xornada deportiva este sábado, 15 de novembro, con dúas actividades que prometen encher de ambiente e emoción o municipio: a VI Velada de Kickboxing Arenka Fight Night e o VI Cross Os Castros.
A partir das 19:30 horas abriranse as portas do pavillón Torques, en Marzán, onde o club Foz Contact Ari volverá traer o mellor do deporte de contacto á Mariña. “Será unha edición moi especial porque se loitará por un título nacional”, destacou o concelleiro de Deportes, Ángel Fernández Neira, quen explicou que o evento reunirá participantes galegos e portugueses en categorías de lowkick e nun campionato neoprofesional. O momento culminante chegará co Campionato de España Profesional, que enfrontará a Lía Murcia coa deportista focega Vanessa Ares, a quen o Concello anima “a loitar polo cinturón de campioa nacional profesional coa forza da súa terra detrás”.
As entradas poderán mercarse o propio día no pavillón ou de maneira anticipada na Casa da Xuventude. A pesaxe oficial celebrarase o venres ás 18:30 horas na cafetería Namarinos, nun acto aberto ao público onde tamén se poderán adquirir billetes.
O evento foi presentado polo alcalde de Foz, Fran Cajoto, acompañado de Ángel Fernández e da propia Vanessa Ares, quen agradeceu o apoio recibido e asegurou que “é unha honra poder competir diante da miña xente”.
Pola súa banda, o VI Cross Os Castros, organizado polo Club Atletismo Ría de Foz e Run Foz Run, dará comezo ás 10:00 horas en Cangas, nun percorrido adaptado a cada categoría: 300 metros para pícaros, 600 para benxamíns, 1.000 para alevíns, 1.600 para infantís, 2.000 para cadetes e 6 quilómetros para a proba absoluta. A saída e a meta situaranse no campo de fútbol de Cangas, onde se prevé unha ampla participación e un gran ambiente deportivo.
Dende o Concello destacan que ambas citas “reforzan a aposta de Foz polo deporte en todas as idades e disciplinas”, subliñando o compromiso municipal por “fomentar o espírito competitivo e o compañeirismo, tanto nas modalidades individuais como nas de equipo”.