Foz traballa nas súas propostas culturais para este outono
Foz pecha o verán cunha exitosa programación cultural e prepara un outono-inverno cheo de propostas. O Concello culminou a súa programación de verán coa obra de teatro Silforiña, representada pola compañía Golfiños no pavillón do colexio público Nº1. A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destacou o éxito desta temporada estival, que estivo marcada por unha ampla variedade de actividades para todas as idades, incluíndo música, teatro infantil e adulto, actividades acuáticas, feiras, talleres e danza. Segundo a edil, “foi un verán cheo de vida, cunha participación moi elevada e unha enorme calidade en todas as propostas”.
López Couto resaltou tamén o traballo imprescindible do persoal municipal, así como a colaboración dos artistas e empresas que contribuíron ao éxito desta programación, situando a Foz como un referente cultural na Mariña. Ademais, anunciou que o Concello xa está a traballar na programación de outono-inverno, que se presentará nos próximos días e que contará con destacadas propostas culturais en colaboración coa AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais). Esta axencia vén de recoñecer o esforzo cultural de Foz incrementando as subvencións destinadas ás actividades organizadas polo municipio.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, tamén se mostrou satisfeito coa acollida das actividades deste verán e reafirmou o compromiso do goberno local coa difusión da cultura, afirmando que continuarán traballando para ofrecer programacións que satisfagan a todos os públicos. A recente consecución dunha nova axuda para mellorar a Sala Bahía, o único auditorio do concello, reforza a aposta do Concello por seguir mellorando as infraestruturas culturais de Foz.