Foz súmase á loita contra o cancro cunha andaina solidaria

O municipio de Foz acollerá o vindeiro domingo 13 de xullo unha nova edición da andaina “Andamos contra o cancro”, unha iniciativa promovida polo club Os Sendeiros de Foz, en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e o apoio do Concello. Trátase dunha actividade solidaria e aberta á participación da veciñanza, que busca concienciar e recadar fondos para o apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade.
A saída está prevista para as 10:00 horas desde a Praza do Concello, e ao remate da ruta haberá unha mesa informativa da AECC, onde se ofrecerá información sobre prevención, apoio e recursos dispoñibles para pacientes e familiares.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición ata o 11 de xullo de 2025, a través do número de teléfono de Os Sendeiros (670 369 017) ou do delegado local da AECC (628 437 014). Para anotarse é preciso facilitar nome e apelidos, DNI e data de nacemento.
Desde a organización destacan que esta actividade combina o contacto coa natureza, o deporte e a solidariedade, e convidan a toda a cidadanía a unirse a esta xornada que pretende “andar xuntos contra o cancro”.