Foz suma un centenario máis, Antonio Seijas Díaz, veciño de San Acisclo

Foz
AMariñaXa
Estrella Río García, unha veciña do Concello, cumpriu 100 anos este martes, día 27, no seu domicilio de Cangas de Foz
011023 HOMENAXE DO CONCELLO DE FOZ AO CENTENARIO DE SAN ACISCLO ANTONIO SEIJAS
2 Out 2023

O Concello de Foz homenaxeou a Antonio Seijas Díaz, veciño de San Acisclo que acaba de cumprir 100 anos, concretamente o 23 de setembro. É o oitavo centenario do municipio, dos que 6 son mulleres.

O alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Servizos Sociais e Benestar, Ana Rojo, visitárono na súa casa e entregáronlle un agasallo do Concello. Tamén participaron no acto representantes da asociación de veciños de San Acisclo, que obsequiaron a Antonio Seijas con outro regalo “a modo de recoñecemento e respecto de todos os seus veciños”, explicou Ana Rojo.

A concelleira de Servizos Sociais tamén comentou: “acompañado pola súa familia  -fillas, xenro, netas e bisnetos- o señor Antonio ou Toño, como lle chaman os coñecidos, estaba pletórico de enerxía. Home afable onde os haxa, sorprendeunos gratamente o comunicativo que é, cunha mente lúcida e unha memoria envexable, acordou dúas guerras, contounos unha chea de anécdotas de cando traballou de capataz de camiños para o Concello de Foz pola parroquia de San Acisclo, nuns tempos difíciles marcados pola ditadura franquista. Recordaba que daquela era obrigatorio traballar 15 días ó ano para o Concello,  senón pola contra había que pagar un pecunio. Mercou 12 vacas de leite e comentábanos que fora a mellor época da súa vida, dado que puido mercar leiras e a finca onde ten a casa. Comentaba que traballara moito para saír adiante, pero ao mesmo tempo agradecía que ao fin o resultado fora satisfactorio. Son a xeración máis sacrificada e a máis resiliente, e por ende a máis comprensiva, admitindo sen complexos uns tempos de fame e miseria, na dureza dun medio hostil no que había que traballar arreo dende ben rapaciños. Sobreviventes forxados no sacrificio, na renuncia e na aceptación do vivido, pero tentando sempre que as circunstancias trocaran a unha situación mellor. Un exemplo a seguir, baluartes e historia viva dos que debemos aprender cada día, amósannos a mellor lección, a que non se aprende nas escolas: a da experiencia, da sabedoría; en definitiva, a da vida; a dos valores que recibiron: respecto, tolerancia, superación e comprensión cara aos demais. Sen o seu esforzo non sería posible parte do que disfrutamos agora. Feliz aniversario, señor Antonio! Acollémonos a ese firme compromiso a modo de invitación, con apertón de mans incluído, que para o ano que vén volveremos a tomar café e un anaco de esa torta tan doce que fixo a súa filla Carmucha, na mellor compaña, a súa”.

0.15749406814575