Foz: ruta da Frouxeira

Foz
AMariñaXa
Alfoz: fervenza do Escouridal. Esta ruta situada na serra do Xistral permite contemplar un sobranceiro espectáculo natural
frouxeira vista foz
15 Out 2023

Por Ana Somoza López.

O Concello de Foz é un lugar ideal para todas aquelas persoas que gustan de descubrir belas paisaxes mentres camiñan.

O Pico da Frouxeira é un lugar con moita historia e atópase nun monte de 427 metros de altitude. Na súa cima erguíase o Castelo da Frouxeira do que hoxe quedan escasos restos e marcas nas rochas dos antigos muros entre os rochedos graníticos.

A fortaleza pertenceu ao Mariscal Pardo de Cela, mitificada e controvertida figura da nobreza galega medieval. Este castelo era inexpugnable ao ser unha plataforma rochosa, e o emprazamento tiña un dominio visual das terras de Foz e do litoral cara ao nordés, de Alfoz e o Valadouro no sector oeste e do produtivo e verde val de San Martiño de Mondoñedo ao seu pé.

FORTALEZA. A fortaleza sofrería serios danos durante a Revolta Irmandiña pero foi reconstruída, como castigo pola súa sublevación, polos mesmos que a destruíron, sendo reforzada defensivamente en moitos dos seus puntos. O asedio ao que foi sometida entre 1480 e 1483 polas tropas reais do Gobernador Fernando de Acuña supuxo a súa destrución definitiva.

A planta destas construcións xurdía da adaptación ás irregularidades do terreo e en función das súas necesidades defensivas. Debido a isto e ao mal estado de conservación dos restos arqueolóxicos, non se pode definir claramente a disposición das estancias que darían forma ao conxunto. Os restos que se distinguen sobre o terreo parecen suxerir a existencia de varios recintos.

A fortaleza de Pena Frouxeira aparece por primeira vez mencionada nun documento de 1156. As súas ruínas están declaradas Ben de Interese Cultural (BIC).

RUTA. A saída ruta faise desde a rúa Costa do Castro dende onde se subirá ata o Pazo do Castro. Logo seguirase o camiño ata o Bispo Santo e a súa área recreativa.

Dende este punto haberá que dirixirse cara a Basílica de San Mariño de Mondoñedo, de obrigada visita pola súa importancia histórica xa que foi se episcopal da diócesis de Mondoñedo. Continuando todo recto e deixando á dereita os barrios de Lelle e Vilela, e á esquerda un dos moitos muíños do concello, pasarase polas parroquias de San Martín á de Santa Cecilia, ata chegar a Madrol, onde haberá que cruzar ata a LU-152 e seguir o camiño en dirección Frouxeira.

De volta da fortaleza terase que facer polo mesmo camiño ata chegar a un cruce á dereita para despois pasar entre varios cruceiros e seguir pegados ao río Centiño ata chegar á estrada que vai ata o barrio da Ermida en San Martín. Despois haberá que coller á esquerda e seguir as indicacións ata a Capela do Carme.

Despois dest capela sairase á dereita por un conxunto etnográfico, baixarase á esquerda pola pista ata cruzar a estrada de Vilacendoi, onde ao final hai un muíño e a Fonte do Porto en Vilaxoane.

Seguindo a estrada e pasando pola Capela de San Blas chegarase á pista pola que se iniciou a ruta.

0.20295691490173