Foz rexistra un incremento do 22 % nas visitas turísticas con récord histórico na oficina de turismo

O concello de Foz vive un ano histórico no eido turístico. Segundo informou a concelleira de Turismo e Comercio, Kathy Navarro, a oficina de turismo do Cenima e a Basílica de San Martiño de Mondoñedo recibiron un total de 23.266 persoas durante os meses centrais do verán, fronte ás 18.058 do 2024. Esta cifra supón un aumento global do 22,4 %.
Navarro explicou que en xuño o turismo nacional representou o 97 % das visitas, cun peso destacado de Galicia (46,6 %), Madrid (23 %), Castela e León (13,4 %) e Asturias (11,2 %), fronte a un 3 % de estranxeiros. En xullo, os visitantes nacionais foron o 93,7% e os internacionais un 6,3 %, principalmente procedentes de Madrid (33,6 %), Castela e León (13,3 %), País Vasco (10,5 %) e Galicia (9 %). No mes de agosto, o turismo nacional reduciuse ao 91 % e o estranxeiro aumentou ata o 9 %, con chegadas de Francia, Reino Unido, Alemaña, Italia e Portugal.
A responsable municipal subliñou o récord absoluto rexistrado na oficina de turismo en xuño, cando se pasou de 473 atencións en 2024 a 2.486 este ano, o que supón un incremento do 190 %. En xullo houbo unha suba do 9,5 %, mentres que en agosto se rexistrou unha lixeira baixada do 10,5 %. O balance conxunto, incluíndo tamén a Basílica, mantense no crecemento do 22,4 % respecto ao ano anterior.
En canto ao sector hoteleiro, Navarro sinalou que se mantivo unha ocupación similar á do pasado ano, con pequenas melloras, e destacou o bo comportamento dos cámpings, que rexistraron un incremento de turistas estranxeiros, especialmente en xuño. Entre eles destacan os visitantes italianos, alemáns, suecos e austríacos, que ademais prolongaron a súa estadía.
“Estes índices son moi positivos, pero tamén supoñen un reto”, afirmou a concelleira, quen insistiu na necesidade de actualizar e manter as infraestruturas para dar resposta ao crecemento de visitantes sen descoidar o benestar da veciñanza.