Foz revive a lenda do bispo Gonzalo na XIII Festa Normanda

Foz
AMariñaXa
A Deputación de Lugo apoia con 6.000 euros a celebración, que se desenvolverá do 28 ao 31 de agosto con recreacións, mercado medieval e actuacións
Foz-presentacion-festa-normanda-2025
1 Aug 2025

A vila de Foz prepárase para mergullarse na historia e na lenda coa celebración da XIII Festa Normanda, que terá lugar entre os días 28 e 31 de agosto. Esta edición conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achega 6.000 euros á súa organización, e coa colaboración da Xunta de Galicia. O evento, promovido pola Asociación Desembarco Normando, recupera cada ano a memoria colectiva dunha resistencia épica: a da poboación local, encabezada polo bispo Gonzalo, fronte ás invasións normandas nas costas focenses.

A presentación oficial do cartel contou coa participación do deputado de Cultura, Daniel García, e do delegado territorial da Xunta, Javier Arias. A imaxe que ilustrará esta edición é obra do recoñecido muralista e grafiteiro lucense Diego AS, quen representou unha figura labrega como símbolo da identidade popular. O artista foi eloxiado por achegar unha estética contemporánea a un relato con séculos de transmisión oral.

Daniel García destacou o valor da Festa Normanda como “celebración do patrimonio inmaterial”, ao recrear un episodio que transita entre a historia e a imaxinación. “Son relatos que conforman a nosa identidade e temos que transmitilos empregando códigos actuais, pero sen romper a cadea que os mantén vivos”, afirmou o deputado, quen tamén agradeceu o traballo da asociación organizadora e o compromiso de todas as persoas voluntarias que participan na montaxe do evento.

O programa inclúe o tradicional desembarco vikingo, que se representará o sábado a partir das 13.30 horas no porto, un mercado medieval, xogos infantís e tradicionais, actuacións de batucadas, espectáculos de malabares e unha ampla oferta gastronómica en postos repartidos pola zona portuaria. A festa abrirase o xoves co pregón do profesor e escritor Pepe Peinó.

⚙ Configurar cookies
0.099846124649048