Foz reúne a 743 persoas na tradicional xuntanza anual dos maiores

Foz
AMariñaXa
O encontro consolídase como unha das citas máis agardadas, marcada pola convivencia, a alegría compartida e o recoñecemento á traxectoria vital da veciñanza sénior
foz-xuntanza-maiores-2026
2 Mar 2026

O Concello de Foz celebrou este domingo a súa habitual xuntanza anual dedicada ás persoas maiores, unha convocatoria que volveu converterse nun punto de encontro multitudinario e emotivo. Un total de 743 asistentes participaron nunha xornada pensada para compartir mesa, conversas e lembranzas nun ambiente festivo e acolledor.

A cita estivo presidida polo bo humor e a complicidade entre xeracións, nun acto que puxo en valor o papel fundamental que desempeñan os maiores na historia social e cultural do municipio. Desde o goberno local destacaron que “había ganas de xuntanza” e subliñaron a satisfacción dos participantes, que gozaron dun día feito á súa medida. “Á xente gústalle celebrar este tipo de eventos, están contentos, e é unha marabilla ver aos nosos maiores así”, sinalaron.

O Concello quixo agradecer expresamente a implicación do persoal de Servizos Sociais, así como de todas as persoas colaboradoras que contribuíron a que a organización fose áxil e que a celebración resultase cómoda e accesible para todos os asistentes.

A administración local reafirma deste xeito o seu compromiso cun modelo de vila que coida, acompaña e recoñece ás persoas maiores, promovendo espazos de participación e encontro que fortalecen os lazos comunitarios. A xuntanza anual consolídase así como unha tradición que combina homenaxe, lecer e cohesión social.

0.11717200279236