Foz reorganiza o tráfico polo inicio das obras na Avenida da Mariña

Foz
AMariñaXa
O Concello investirá 148.000 euros para substituír o firme central por aglomerado en quente tras unha mala execución da obra anterior
Foz-OBRAS-NA-AVENIDA-DA-MARInA-2025
11 Mar 2025

O Concello de Foz puxo en marcha unha reorganización do tráfico no centro urbano para facilitar o inicio das obras de substitución do firme na Avenida da Mariña. Como parte desta reestruturación, a Avenida Álvaro Cunqueiro pasou a ter un único sentido en dirección Viveiro, mentres que os vehículos que se dirixan cara a Ribadeo deberán utilizar a rúa do Pilar. Pola súa banda, as rúas Federico García Lorca e Xoán Montes quedan con acceso restrinxido exclusivamente para garaxes e descarga de mercadorías. Ademais, a parada de taxis foi desprazada uns metros ata o parque do Martínez Otero.

O alcalde, Fran Cajoto, explicou que os traballos comezaron coa retirada do firme de formigón existente, que en moitas zonas presenta un espesor inferior ao estipulado no proxecto inicial. “A rúa foi inaugurada en outubro de 2017, pero xa en 2019 tiveron que demolerse dous tramos antes do cambio de Alcaldía, probablemente para que a construtora puidese recuperar o aval”, sinalou Cajoto.

Agora, co financiamento do Plan Deputación 2024, o Concello destina 148.000 euros para substituír o firme central de formigón por aglomerado en quente, mellorar a sinalización e optimizar a drenaxe, eliminando as rexas transversais que dificultan a circulación dos vehículos. “Pedimos desculpas polas molestias, pero as obras durarán poucas semanas. Seguimos traballando para mellorar Foz”, concluíu o rexedor.

0.17261219024658