Foz renova o seu rueiro e lanza un completo mapa municipal para promover un turismo máis informado e sostible

O Concello de Foz vén de presentar un novo rueiro da vila acompañado dun mapa actualizado de todo o municipio, co obxectivo de mellorar a experiencia de veciños, veciñas e visitantes a través dunha ferramenta informativa moderna, completa e visualmente atractiva.
A concelleira de Turismo, Kathy Navarro, sinala que “o rueiro anterior quedara obsoleto e esta nova versión supón un salto cualitativo en contido e presentación”. A guía incorpora dende a localización de apeadoiros ferroviarios ata infraestruturas deportivas coma o pavillón Torques de Marzán, pasando por numerosos puntos de interese repartidos polo concello.
Un dos aspectos máis destacados é a aposta por unha toponimia enriquecida, que recolle nomes tradicionais da costa, referencias ao patrimonio natural e paneis informativos sobre flora e fauna local. Ademais, o rueiro sinala rutas de sendeirismo, miradoiros como o de Tamariña ou o da Ría, e esculturas representativas como O mariñeiro, A conversa ou Os náufragos.
A guía tamén potencia o turismo activo, sinalando a rede de carrís bici, parques infantís, espazos biosaludables, campos de fútbol ou a piscina municipal. Inclúe todos os edificios municipais e equipamentos de interese como o centro de saúde ou os colexios.
Outra novidade é a delimitación de dúas áreas clave no rueiro urbano: a zona comercial, identificada en cor coral, e a zona de restauración e ocio nocturno, marcada en malva. “Na parte traseira da guía hai un mapa xeral do municipio que destaca praias, espazos naturais protexidos, rutas e elementos patrimoniais de gran valor”, explica Navarro.
Todo este material estará dispoñible en formato peto na oficina de turismo, situada no edificio Cenima. Desde o Concello destacan que esta nova ferramenta servirá para ofrecer unha acollida mellor informada ás persoas que visitan Foz e para reforzar a identidade e recursos do territorio entre a súa propia veciñanza.