Foz rende homenaxe a Rosalía cunha mostra bibliográfica e teatro infantil

Foz
AMariñaXa
A programación inclúe unha exposición na biblioteca municipal e un espectáculo de Caxoto para público familiar
Foz-MOSTRA-BIBLIOGRaFICA-SOBRE-ROSALiA-DE-CASTRO-EN-FOZ
23 Feb 2026

Foz súmase á celebración do Día de Rosalía cunha proposta cultural pensada para divulgar a figura e a obra da autora máis universal das nosas letras. O Concello, a través da Biblioteca Municipal Biblioteca Municipal Salgado Toimil, organizou unha mostra bibliográfica dedicada á escritora, que poderá visitarse no último andar da Casa da Cultura.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, subliña que esta xornada supón unha oportunidade para reivindicar a lingua e a identidade galega da man dunha das súas figuras máis destacadas. A exposición reúne diferentes edicións e publicacións arredor da autora, ofrecendo ao público un percorrido pola súa traxectoria literaria e pola pegada que deixou na cultura galega.

A programación completarase este xoves, 26 de febreiro, cunha actividade dirixida especialmente ao público infantil. O narrador e actor Caxoto ofrecerá ás 18.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura, unha representación pensada para nenos e nenas a partir dos 4 anos, con entrada gratuíta.

A través do contacontos, o artista propoñerá unha viaxe pola natureza galega, elemento moi presente na obra de Rosalía de Castro e tamén noutras autoras referentes de Galicia. Será unha maneira lúdica e didáctica de achegar ás novas xeracións á riqueza da paisaxe, da literatura e da lingua propias.

Con esta iniciativa, o Concello de Foz reafirma o seu compromiso coa promoción cultural e coa difusión do legado de Rosalía, convertendo a efeméride nun espazo de encontro arredor da lectura e da creación artística.

0.093960046768188