Foz reforza os servizos nas praias para garantir un verán seguro e accesible

Foz
AMariñaXa
O Concello activa o dispositivo de salvamento con 14 socorristas e mellora a dotación de limpeza, accesibilidade e atención turística
FOZ-EQUIPO-DE-SALVAMENTO-2025
2 Jul 2025

O Concello de Foz puxo en marcha esta semana o dispositivo especial de verán co obxectivo de garantir a seguridade, a limpeza e a accesibilidade das praias durante a tempada estival. O alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Turismo, Comercio e Sanidade, Kathy Navarro, presentaron este mércores na praia da Rapadoira o novo equipo de salvamento, composto por 14 profesionais que xa comezaron a prestar servizo este martes.

Ademais da cobertura de salvamento, o Concello reforzou outros servizos clave: sete persoas sumáronse ás tarefas de limpeza viaria e nas praias, dúas máis para o servizo de recollida de lixo e outras dúas auxiliares atenderán a oficina de turismo.

A Rapadoira e Llas contarán con servizo de socorrismo todos os días, en horario de 13:00 a 19:00 horas de luns a venres, e de 12:00 a 20:00 horas os sábados e domingos. As praias de Areoura, Peizás e Pólas tamén dispoñerán de atención, agás un día de descanso semanal para o persoal: luns en Areoura, martes en Pólas e xoves en Peizás.

Kathy Navarro salientou os avances en accesibilidade na Rapadoira, que conta con baños renovados, pasarela ata a area húmida, punto de auga e cadeira anfibia. “Queremos que todas as persoas poidan gozar do mar con comodidade, sen importar a súa condición física”, indicou.

Pola súa parte, Fran Cajoto explicou as melloras realizadas por parte do propio persoal municipal, como a impermeabilización das cubertas, a pintura dos aseos e o posto de salvamento de Llas, e o arranxo das pasarelas de madeira. Tamén destacou a construción dunha nova beirarrúa e pasos de peóns no Paseo de Colón, que “melloran a mobilidade e fan máis seguro o tránsito cara á Rapadoira”.

Os baños públicos das praias e das áreas recreativas do Bispo Santo e Ponte de Ferro xa están abertos, cunha limpeza diaria —dúas veces ao día no caso da Rapadoira e Llas—. O Concello continúa ademais cos traballos de acondicionamento dos areais, que quedarán listos nos próximos días.

“Pedimos desculpas polas molestias que poidan causar as obras puntuais, pero estamos a traballar para que Foz estea en perfecto estado para recibir a veciños e visitantes”, concluíu o alcalde.

⚙ Configurar cookies
0.1334240436554