Foz reforza as tarefas de roza coa contratación de máis persoal

Foz
AMariñaXa
Comezará a traballar un novo tractorista en horario de tarde, que se sumará aos dous oficiais que están a facer agora as tarefas de roza
roza_vilaronte_foz
19 Xuño 2024

Foz reforza as tarefas de roza coa contratación de máis persoal. Comezará a traballar un novo tractorista en horario de tarde, que se sumará aos dous oficiais que están a facer agora as tarefas de roza e limpeza de camiños e paseos marítimos no concello. Desta maneira, un dos dous tractores dos que dispón o Concello traballará en dobre quenda para avanzar a un maior ritmo.

“As temperaturas suaves e as choivas dos últimos meses están a favorecer o crecemento da herba, polo que dispoñer de máis medios resulta moi importante”, destaca o alcalde, Fran Cajoto. O martes 25 incorpórase un novo xardineiro despois dos últimos procesos selectivos realizados, que virá a reforzar as tarefas.

O rexedor municipal informa que estes dous traballadores son contratados como fixos discontinuos, de forma que pasarán a formar parte do cadro de persoal e o vindeiro ano 2025 exercerán as súas funcións durante sete meses, de marzo a setembro: “Imos dispoñer antes dos reforzos, o que vai a favorecer os traballos; estamos a incrementar servizos clave para ter o pobo limpo e coidado”, explica Fran Cajoto.

Neste sentido, o alcalde recorda que, coa modificación de relación de postos de traballo de xuño do pasado ano 2023, os reforzos para a limpeza viaria, recollida de lixo e servizo de salvamento son traballadores fixos que todos os veráns se reincorporan aos seus postos de traballo. “O plan verán xa está feito, entre outras cousas porque debemos cumprir a lei e garantir unha estabilidade aos traballadores. Ultimamente escoitamos de todo. Ano a ano imos reforzando con recursos municipais o persoal para mellorar un pobo que avanza nunha senda de crecemento”, remata Cajoto.

0.1667959690094