Foz reforza a formación en prevención de riscos das auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar

O Concello de Foz, a través da súa Delegación de Servizos Sociais e en colaboración co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), vén de desenvolver varios cursos presenciais de Prevención de Riscos Laborais dirixidos ás auxiliares que traballan na axuda a domicilio e na atención directa a persoas en situación de dependencia. A iniciativa enmárcase na aposta municipal por mellorar a formación e as condicións de seguridade dun servizo esencial para a veciñanza.
A concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, explica que se trata de talleres teórico-prácticos orientados á prevención de riscos laborais de carácter psicofísico, químico e biolóxico. A formación está dirixida a todas as profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), tanto do persoal municipal como das auxiliares de libre concorrencia, que desenvolven o seu labor nos domicilios das persoas usuarias.
Segundo Rojo, o feito de traballar nun fogar pode xerar a percepción errónea de que non existen riscos laborais, cando a realidade demostra todo o contrario. As tarefas diarias implican exposición a riscos químicos e biolóxicos, asociados á posible transmisión de enfermidades causadas por bacterias, virus ou fungos, así como unha importante carga física e mental derivada da mobilización de persoas dependentes.
Os cursos tamén inciden na formación en criterios ergonómicos e en técnicas seguras de intervención, co obxectivo de protexer tanto ás persoas atendidas como ás propias profesionais. O coidado de persoas dependentes require, segundo subliña a concelleira, un alto nivel de esixencia e unha forte implicación persoal, polo que resulta fundamental contar con coñecementos e recursos axeitados que contribúan a preservar a saúde física e mental das auxiliares.
Desde o Concello de Foz destacan a valía e o compromiso destas profesionais, maioritariamente mulleres, que atenden a diario a persoas maiores ou con mobilidade reducida. Ana Rojo agradeceu ao ISSGA da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a súa colaboración para facer posible esta formación presencial, que foi totalmente gratuíta e que inclúe a entrega das correspondentes titulacións a todas as participantes.