Foz reclama vivenda pública e acusa á Xunta de evitar compromisos reais

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, acompañado pola tenente de alcalde Inés López Couto e o concelleiro de Relacións Institucionais, Carlos García, desprazouse este mércores ao Parlamento de Galicia para esixir a posta en marcha dunha promoción de vivenda pública no municipio. Porén, segundo explicou o rexedor, a Xunta “rexeitou comprometerse” a asumir a construción das novas vivendas, limitándose a asegurar que “estudará e analizará” a proposta formulada polo Concello.
A demanda foi trasladada pola voceira socialista, Lara Méndez, quen preguntou á conselleira de Vivenda se estaba disposta a asinar un convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo para edificar unha parcela municipal e destinala a alugueiro social. A resposta, segundo Cajoto, non ofreceu garantías nin prazos: “Foz pon os terreos e a Xunta debe exercer as súas competencias. Non queremos máis dilacións”.
O alcalde puxo sobre a mesa a situación que vive o municipio, cun crecemento demográfico constante e unha suba do prezo da vivenda moi superior ao incremento dos salarios. O INE vén de certificar que Foz gañou 139 habitantes no último ano e alcanza xa as 10.415 persoas. Pola contra, o mercado do alugueiro reduciuse e encareceu notablemente: “Os prezos subiron máis dun 50% desde setembro de 2022, e levamos vinte anos sen vivenda pública. É unha situación insostible”.
Cajoto recordou que a última promoción social construída en Foz data de 2005, cando o Concello cedeu os terreos e a Xunta executou a obra: “Queremos repetir ese modelo. Non podemos aceptar que se substitúa a vivenda pública por créditos brandos. Iso non resolve nada e deixa ás familias sen alternativas”.
O alcalde tamén sinalou que Foz é un municipio “tensionado e turístico”, no que a demanda de alugueiro social é especialmente elevada: actualmente hai 85 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes do IGVS, a cifra máis alta da comarca en relación á poboación. “A Xunta ten competencia exclusiva en materia de vivenda. Agora é o momento de actuar”, recalcou.
Cajoto agradeceu finalmente o apoio da voceira socialista, Lara Méndez, “pola súa sensibilidade coas necesidades de Foz e pola defensa activa dunha solución ao que hoxe é o principal problema das focegas e focegos: acceder a unha vivenda digna”.