Foz reclama axudas da Xunta para financiar un auditorio
A corporación municipal de Foz tratará en pleno unha proposta do alcalde, Fran Cajoto, para instar á Xunta de Galicia ao financiamento completo dun auditorio con dependencias adicionais para a Escola Municipal de Música e cines.
O rexedor explica que con “esta proposta para tratar no seguinte pleno o que pretendemos é que todos os grupos municipais vaiamos unidos nunha dirección, que é lograr un auditorio para Foz. É unha infraestrutura moi demandada por todas as asociacións, é un déficit que temos nun concello de máis de dez mil habitantes e que teñen outros concellos da contorna, como por exemplo Burela. Se queremos realmente facer unha programación cultural axeitada, tamén en época de inverno, e traer eventos de calidade, temos que contar con esta infraestrutura. Temos un déficit tamén para a Escola de Música, con máis de 200 alumnos neste momento; unha Banda Municipal que cada día é máis importante; teatro afeccionado, como xa se demostrou en agosto o nivel que acadamos; e temos máis de 80 asociacións culturais e deportivas en Foz. Penso que temos que seguir apostando pola cultura e por servizos cada vez de máis
calidade. E a pesar de que Foz ten moitas máis deficiencias, ten que
amañar rúas, entradas, accesos, e demais, esta é unha infraestrutura moi demandada e que realmente necesitamos”.
Fran Cajoto engade que “do financiamento dun auditorio, hoxe en día, un Concello non pode se pode facer cargo. Sabemos todos que desde a lei orzamentaria con eses recortes, que fixo Montoro, os Concellos cada vez están máis limitados, e a Xunta de Galicia, como acontece en moitos lugares, como por exemplo en Lugo e agora recentemente comprometeuse en Ribeira e máis en Marín, está financiando na súa totalidade auditorios en distintos puntos de Galicia. Non queremos senón pedir o mesmo, non ser menos que ninguén e que ese financiamento tamén chegue a Foz. Necesitamos ese compromiso da Xunta e que se implique co noso concello e necesitamos que todos os concelleiros pidamos unha infraestrutura moi demandada como é ese novo auditorio”.
Ademais o alcalde focense aclara que “non existe a posibilidade legal
nestes momentos de facer un auditorio no antigo asilo, como se propuxo por parte da anterior Alcaldía, dadas as limitacións do testamento da Fundación Martínez Otero”.
E o rexedor municipal tamén comenta que “hai outros moitos investimentos urxentes para Foz, como a nova depuradora, que ten
asignación consignada desde hai varias anualidades, presupostando de forma reiterada a Xunta entre 300.000 e 500.000 euros neste último ano 2019, que non se fixeron efectivos”.