Foz recibiu unha achega para a construción dunha pista multideporte en terreos do CEIP O Cantel
O Concello de Foz vén de recibir unha subvención para a construción dunha pista multideporte en terreos do CEIP O Cantel, que dará servizo aos alumnos do centro en horario lectivo e a rapaces e rapazas de todo o concello fóra das horas de clase. A pista, presupostada en case 96.000 euros, será financiada a cargo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, con 62.532,48 euros, e con 33.433,13 euros a cargo de fondos propios municipais do Concello de Foz. A directora do CEIP O Cantel, Adela Seijo Cao, e o alcalde de Foz, Fran Cajoto, reuníronse no centro para tratar as características da pista e o seu funcionamento.
Trátase dunha pista multideporte cunha superficie de xogo de 30 por 15 metros, chan de resina deportiva e peche lateral a 1 metro en taboleiro fenólico. A pista permitirá a práctica de balonmán e fútbol sala, con dúas porterías antivandálicas de 3 metros de base e 2 metros de altura; o baloncesto, con dúas canastras fixas antivandálicas; e o tenis, voleibol e bádminton, cunha rede desmontable.
O alcalde agradece ao equipo directivo do centro, e en especial á directora, Adela Seijo Cao, e ao secretario e profesor de Educación Física Francisco Franco Paleo, a boa disposición para acoller esta infraestrutura: “non só vai permitir mellorar as instalacións deportivas do centro senón que tamén vai ofrecer unha gran infraestrutura deportiva a todas as veciñas e veciños de Foz, especialmente aos que residen máis preto, nas rúas Pintor Laxeiro ou Corporacións Municipais. As pistas van contar cun acceso independente desde o exterior, que estará aberto fóra das horas lectivas para optimizar o seu uso. É unha moi boa nova para o alumnado do centro pero tamén para todas as veciñas e veciños. En Foz fomentamos o deporte”.
Fran Cajoto engade que “estarán iluminadas con proxectores led e cumprirán toda a normativa vixente. Nestes momentos estamos a redactar o proxecto construtivo definitivo para acometer as obras con urxencia, tal e como establece a convocatoria da subvención, que ten uns prazos moi curtos. Agardamos causar as menores molestias posibles ao normal desenvolvemento do curso lectivo xa que as instalacións instalaranse nunha zona anexa ás actuais pistas exteriores, que se manteñen”.
Estas obras súmanse ás da envolvente térmica e renovación do CEIP Nº 1, xa rematadas, e ás que proximamente se acometerán no IES de Foz. E desde o Concello de Foz seguen a reclamar á Xunta de Galicia unha renovación profunda do CEIP Fondo Nois, con máis de 50 anos de antigüidade.