Foz proxecta unha nova área de lecer sobre a praia de Areoura

O Concello de Foz está a traballar nun ambicioso proxecto para recuperar e revitalizar a contorna da praia de Areoura, un espazo moi frecuentado durante o verán por residentes tanto de Foz como do veciño municipio de Burela. O obxectivo é crear unha nova área recreativa no emprazamento que ocupaba unha urbanización de chalés que foi derrubada no ano 2023, tras unha longa batalla urbanística.
A proposta busca devolverlle á cidadanía un espazo privilexiado xunto ao mar que durante anos estivo hipotecado por unha construción ilegal, e transformalo nun lugar de encontro, descanso e desfrute da natureza. Segundo explica o goberno local, trátase dun enclave con moito potencial, tanto polo seu valor paisaxístico como pola súa localización entre dous núcleos poboacionais importantes da Mariña lucense.
A nova área recreativa situaríase sobre o antigo solar da urbanización e estaría deseñada para integrarse na paisaxe dun xeito respectuoso e sostible.
Desde o executivo municipal destacan que esta actuación responde a unha demanda social e supón un paso máis na recuperación do litoral focense para o uso público: “Queremos que Areoura sexa unha praia accesible, aberta e viva, un punto de encontro para veciños de Foz e Burela, e un exemplo de como se pode reverter un espazo degradado en beneficio da comunidade”, sinalan.
O proxecto forma parte da estratexia municipal para fomentar un modelo de desenvolvemento sostible, no que se combine o respecto ao medio ambiente co aproveitamento racional dos espazos costeiros.