Foz presenta unha ampla programación cultural e familiar para celebrar o Nadal 2025

O Concello de Foz vén de anunciar a súa programación oficial do Nadal 2025, un calendario cheo de música, espectáculos, actividades para a cativada e eventos tradicionais que se prolongarán desde o 19 de decembro ata finais de xaneiro. A Sala Bahía e outros espazos emblemáticos da vila converteranse nos principais escenarios dun mes e medio de celebracións pensado para todos os públicos.
As actividades arrancarán o venres 19 de decembro ás 20:00 horas coa celebración do Festival da Escola de Música na Sala Bahía. O sábado 20, tamén ás 20:00 horas, será a quenda da Coral Polifónica, que ofrecerá o seu Festival de Nadal na Igrexa Parroquial. A programación continuará o domingo 21, ás 12:00 horas, co Musical de Nadal O Feitizo, de novo na Sala Bahía.
Do 22 ao 31 de decembro (agás os días 25 e 28), desenvolverase o Campamento de Conciliación na Sala Bahía, con quendas de madrugadores de 9:00 a 10:30 horas e actividades dirixidas a nenos e nenas de 3 a 12 anos de 10:30 a 14:00 horas. Ademais, o mércores 24 a vila recibirá a visita de Papá Noel, que percorrerá as rúas entre as 11:00 e as 13:30 horas.
A programación infantil retomará forza o sábado 27 e domingo 28 de decembro, con inchables e xogos na Sala Bahía en horario de mañá e tarde. O sábado 27, ademais, celebrarase ás 20:00 horas un concerto da Banda Municipal. O domingo 28 ás 12:00 terá lugar a obra 'Esperando ao doctor Monifate… con Lombao', de Solitaria do Doctor Monifate.
O mércores 31 celebrarase a tradicional Festa de Fin de Ano na Sala Bahía, organizada polo CD Foz e o Club Baloncesto Celtas.
O campamento continuará o venres 2 de xaneiro co mesmo horario que en decembro, e o sábado 3 regresarán os inchables e xogos —de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:30 horas—, seguidos ás 18:30 pola actuación de Os Bolechas. O domingo 4 repetiranse as actividades infantís de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
O luns 5 de xaneiro chegará un dos momentos máis esperados: a Cabalgata de Reis, que percorrerá as rúas da vila para ledicia de pequenos e maiores.
A programación pecharase en xaneiro con tres citas tradicionais: o Festival Infantil A Subela o sábado 10, a Festa de San Brais o venres 30 e a Cea de Coroación o sábado 31.