Foz presenta un amplo programa do 25N con obradoiros, accións simbólicas e actividades educativas

O Concello de Foz, a través da Delegación de Muller e Igualdade, vén de anunciar un programa extenso e diverso con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora o 25 de novembro. A concelleira Ana Rojo explicou que as actividades, distribuídas ao longo dos meses de novembro e decembro, combinan accións institucionais, talleres formativos e iniciativas centradas na sensibilización da mocidade.
Como apertura da campaña, colocarase unha pancarta contra a violencia de xénero na fachada do Concello, ademais dun lazo morado e do acendido da iluminación municipal desta mesma cor, nun xesto simbólico de reivindicación. O acto central do 25N terá lugar ás 18:30 horas na praza do Concello, onde se celebrará unha concentración e a lectura do manifesto institucional baixo o lema “Non camiñas soa, movémonos contigo”. O acto rematará cun minuto de silencio en memoria das vítimas.
A programación inclúe tamén propostas dirixidas ás mulleres do municipio. O xoves 27, entre as 17:30 e as 19:30 horas, impartirase na cuarta planta de Servizos Sociais un taller de solo pélvico, a cargo da matrona María González Cociña, do Centro M. Burela. A actividade ofrecerá contidos prácticos e está aberta a mulleres de todas as idades, previa inscrición no teléfono 982 13 35 66.
O xoves 4 de decembro, de 17:30 a 20:00 horas no salón de actos do Cenima, celebrarase un taller de perimenopausia, tamén impartido por María González Cociña. Nel proporanse recursos aplicables ao día a día, como pautas de exercicio, alimentación e suplementación, con demostracións en directo.
O programa do 25N pecharase coa chegada ao Cenima do documental “Chicas Nuevas 24h”, dirixido por Mabel Lozano, acompañado dunha exposición fotográfica sobre a trata e a explotación sexual de mulleres e nenas. A mostra poderá visitarse entre o 15 e o 31 de decembro, e o documental proxectarase o día 19, de 18:30 a 19:30 horas. Esta actividade está promovida pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Foz.
Ademais, os días 17 e 18 de decembro, o Cenima acollerá unha programación específica para o alumnado do IES de Foz a partir de 14 anos, con talleres interactivos sobre prevención da trata, visitas guiadas e o visionado do documental Chicas Nuevas 24h, co obxectivo de sensibilizar a mocidade fronte ás múltiples formas de violencia machista.
“Foz é un pobo comprometido coa igualdade e coa loita contra todas as violencias que sofren as mulleres. Cada persoa que participa envía unha mensaxe clara de rexeitamento ao machismo, ao negacionismo e á banalización da violencia”, afirmou a concelleira Ana Rojo, quen destacou a importancia da educación e da implicación cidadá. Engadiu tamén que o cartel oficial da campaña foi realizado por un alumno do IES de Foz, e que tanto o 25N como o 8M seguirán visibilizando “a conciencia e creatividade do alumnado dos centros educativos do municipio”.