Foz presenta alegacións ao trazado da autovía da Mariña para mellorar accesos e conexións

Foz
AMariñaXa
O Concello solicita un enlace completo en O Carme e outras melloras para facilitar o tránsito de veciños e vehículos
Foz-ESTRADA-LU-152-NO-ALTO-DO-CARME-(FOZ),-ONDE-SE-PROXECTA-O-NOVO-ENLACE-DA-A-74
13 Mar 2025

O Concello de Foz presentou este mércores alegacións ao proxecto de trazado do tramo O Carme - Barreiros da futura autovía da Mariña A-74. O alcalde, Fran Cajoto, destacou a importancia da infraestrutura e agradeceu o esforzo investidor do Ministerio de Transportes na zona: “Queremos que a autovía da Mariña se execute canto antes e estamos conformes co trazado proposto. As alegacións presentadas non alteran o deseño, pero mellorarían distintos aspectos clave”.

Unha das principais peticións do Concello refírese ao enlace de O Carme, sobre a estrada LU-152 a Ferreira. “Solicitamos que o semienlace proxectado se transforme nun enlace completo, permitindo que os veciños de Santo Acisclo, Santa Cilla, San Martiño e Vilaronte poidan desprazarse cara a Burela e non só en dirección a Ribadeo. Hai moitos desprazamentos diarios a Alcoa ou ao Hospital da Mariña, e esta mellora facilitaría a mobilidade e beneficiaría tanto aos residentes como ao turismo e ás empresas da zona”, explicou Cajoto.

Outras alegacións céntranse na accesibilidade ao camiño da Balsa e á área recreativa do Carme desde a LU-152, no tránsito peonil arredor do enlace de O Carme e na mellora da sección e pavimentado dalgúns camiños de servizo. Tamén se propón estudar a substitución de dous tramos de recheo por viadutos na zona da Baesta, en Vilaronte, para mellorar a permeabilidade da infraestrutura e evitar que se converta nunha barreira para vehículos e animais. “A accesibilidade e a integración no territorio son fundamentais. Xa logramos melloras en alegacións anteriores e seguimos traballando para que este proxecto sexa o mellor posible”, engadiu o rexedor.

Por último, o alcalde de Foz reclamou á Xunta de Galicia que desbloquee a VAC Costa Norte ao seu paso por Viveiro: “A Xunta bloqueou a variante mentres en Viveiro houbo unha alcaldesa socialista. Agora xa non teñen a quen botarlle a culpa, veremos o que pasa. A Mariña necesita infraestruturas do século XXI e os mariñáns non poden seguir sendo os prexudicados”.

0.17100501060486