Foz presenta a súa nova imaxe corporativa

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz, seguindo co seu traballo de actualización, presentou a súa nova imaxe corporativa, que irá introducíndose pouco a pouco.
imaxe corporativa foz
21 Mar 2021

O Concello de Foz, seguindo co seu traballo de actualización, presentou a súa nova imaxe corporativa, que irá introducíndose en todas as súas comunicacións pouco a pouco.

O alcalde, Fran Cajoto, explicou que “esta imaxe, que pretende renovar, unificar e simplificar, consta dun logotipo que une os símbolos do municipio. O mar, os barcos e as árbores na terra, signos distintivos da historia focega forman parte deste novo logo. Todo cun pantone de tons granates, xa familiarizado con outras imaxes do concello. Ademais disto o número 9, que aglutina a todas as súas parroquias, está presente nos mastros do barco e nas copas das árbores”.

O rexedor municipal engadiu que “Foz mantén intacta a súa heráldica (isto é escudo e bandeira). É importante subliñar que isto é só un logotipo máis simplificado, para modernizar a imaxe e ter un manual de uso dela”.

As normas de uso desta nova imaxe recóllense nun manual de identidade corporativa, que estará a disposición de toda a poboación na web municipal.

Cajoto comentou tamén que “é un primeiro paso para traballar con uniformidade, mentres se segue o proceso de creación do novo portal cidadán, a web para información e trámites co Concello, que en pouco estará activo e a disposición de todo o mundo, despois de tantos anos do actual, xa moi obsoleto”.

Para rematar o alcalde destacou que “anos atrás o Concello de Foz xa creara unha marca, na que estaba presente o escudo. Agora esta imaxe actualízase, buscando unha percepción máis moderna dunha institución e un pobo con historia, preservando sempre a integridade existente nos símbolos do pobo, infundindo unha enerxía nova e actualizando a imaxe institucional do municipio. Foz seguirá traballando con paso firme na mellora continua”.

0.21267700195312