Foz prepárase para vivir “Unha hora encantada” co truco ou trato no comercio local

O vindeiro venres, 31 de outubro, Foz converterase nun escenario máxico e cheo de sorrisos coa celebración de Unha hora encantada, unha actividade organizada por Acia Foz-CCA que encherá de vida as rúas e establecementos da vila. Entre as seis e as sete da tarde, os máis pequenos poderán gozar do tradicional truco ou trato visitando os comercios participantes, que os agardarán con doces, decoracións misteriosas e algunha sorpresa divertida.
O presidente da asociación, José Carlos Paleo, explicou que “desde Acia abrimos a porta ao misterio e á ledicia. Durante unha hora encantada, os doces agardan entre meigallos, sorrisos e algún susto simpático. Queremos que a rapazada de Foz e da súa contorna se achegue a xogar con nós. Hai cincuenta negocios agardando por eles. Hai truco ou trato?”.
Entre os establecementos participantes figuran 5 Lobiños, Alain Afflelou, Alba Vila Dietética e Nutrición, Ártico, Augas Santas, Bar 78, Bar Campos, Cenor Belianorte, Chinela, Chuvia, Dandy, Decoraciones Pura, Decoraciones Pura Outlet, Dermoterapia, Don Zapato, Electricidad Núñez, Estanco N2, Farmacia Fátima Maañón Lage, Ferretería Fuente, Ginzo Hombre, Ginzo Mujer, Hedra, Hola Ola, Isla, Kiosko A Rapadoira, Koquetas Moda, Kukadas, La Flor Abulense, Las Delicias de Belkis, Librería Bahía, Longarela, Los Dulces de Delphine, Lourdes Moda Íntima, Marexada, Mi Casa, Occident, Pastelería Anduriña, Pirde Calzado, Pirde Moda, Suministros Veipa, Surya, Thecé, Triple A, Unique, Vas’s, Vas’s Outlet, Waffles do Mar, Xoguetería Bahía e Xoyma.
Paleo sinalou que esta proposta busca combinar diversión e apoio ao comercio de proximidade: “Queremos celebrar Halloween dun xeito especial, tradicional e divertido co noso truco ou trato, que agardamos sirva para concienciar ás nenas, aos nenos e tamén aos adultos da importancia que ten consumir nos negocios do noso pobo”.
Na presentación da campaña Unha hora encantada participaron o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, os comunicadores e presentadores Carlota Corredera, David Insua e Isidoro Valerio, xunto co propio presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo. A iniciativa, enmarcada na programación de dinamización comercial impulsada pola Xunta de Galicia, promete converter o centro de Foz nun espazo cheo de cor, alegría e espírito de Samaín.