Foz prepárase para unha semana de emoción, tradición e música nas Festas do Carme

Do 11 ao 17 de xullo, a vila de Foz converterase nun fervedoiro de actividades con motivo das súas Festas do Carme, unha das celebracións máis sentidas do verán. A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destaca que “se achegan días de moita emoción para a xente de Foz, coa Virxe do Carme como protagonista dunha semana chea de actos relixiosos, culturais e festivos”. A imaxe do cartel deste ano pertence ao fondo do arquivo municipal e foi realizada polo fotógrafo Antonio Ares.
O programa arranca o venres 11 de xullo, ás 21.00 horas na Praza do Concello, coa actuación da Coral Polifónica de Foz, dentro do ciclo Sons na Rúa.
O sábado 12, a partir das 19.00 horas, o Paseo da Ribeira acollerá a xa clásica sardiñada popular, organizada polas asociacións Peña Ñasss e As Farangullas.
O domingo 13, o Campo da Cabana será o escenario do festival Coa Nosa Fala, que contará coas actuacións de A Cordeireta e O Sonoro Maxín, desde as 21.00 horas.
O luns 14 terá lugar un dos momentos máis simbólicos da semana: o pregón, a cargo de Luis Alberto Burundarena Fraga, despois da misa das 20.30 horas na igrexa parroquial. A elección do pregoeiro cobra especial sentido este ano, cando se conmemoran 80 anos do afundimento do pesqueiro Jesús Nazareno, tráxica efeméride moi presente na memoria colectiva focega. A noite pecharase cunha verbena na explanada portuaria coa orquestra Acordes a partir das 22.30 horas.
O martes 15 destaca pola súa carga participativa. Ás 14.00 horas haberá sesión vermú con La Bamba. Pola tarde, ás 20.00 horas, rematará a novena cunha misa cantada pola Coral Polifónica. A xornada será tamén a das alfombras florais, nas que veciños e visitantes se implican decorando as rúas con deseños elaborados con pétalos e outros materiais naturais. A concelleira anima a todo o mundo a colaborar: “Quen queira participar pode poñerse en contacto co Concello, serán redirixidos ás rúas correspondentes”. Lembra tamén a necesidade de liberar as rúas de vehículos, respectando os horarios e sinais que se colocarán. A noite rematará cunha longa verbena con La Bamba e Fania Blanco Show.
O día grande, o mércores 16, comezará ás 12.00 horas cunha misa na honra da Virxe do Carme cantada por Mar Aberto na praza Conde de Fontao, seguida dunha ofrenda floral e procesión. A continuación celebrarase a sesión vermú coa orquestra Miramar. Pola tarde, ás 20.00 horas, celebrarase unha misa polos náufragos e a noite rematará cunha nova verbena na explanada portuaria, con Miramar e Capitol.
O programa pecha o xoves 17, Día do Neno, cunha tarde de xogos na praza Conde de Fontao desde as 16.30 horas, con inchables, obradoiros e actividades gratuítas pensadas para os máis pequenos da casa.
O alcalde, Fran Cajoto, quixo recoñecer o labor da xente implicada: “Queremos agradecer o traballo da Cofradía da Virxe do Carme e de todos os veciños e veciñas que fan posible cada detalle das alfombras, sen as cales a esencia desta festa desaparecería”. E engadiu: “Animamos a participar a todas as persoas que desexen formar parte desta celebración única e que disfruten destas festas tan fermosas”.
📰 Versión en castelán