Foz prepárase para os días grandes do Entroido co desfile e numerosas actividades

Foz
AMariñaXa
O desfile será o sábado 1 de marzo ás 16:30 horas e retransmitirase en streaming. Haberá pregón, coplas, bailes e eventos para todas as idades ata o día 7
Foz-CEA-DE-COROACIoN-DA-RAinA-DO-ENTROIDO-DE-FOZ
27 Feb 2025

Achéganse os días grandes do Entroido de Foz e segue aberto o praza de inscrición para participar no desfile que se celebrará este sábado, día 1 de marzo, desde as 16:30 horas.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destaca que “Foz vive estes días a emoción do Entroido. O sábado 1 de marzo é o día grande, mais antes del, un par de citas importantes agardan en Foz. Este xoves ás 20 horas terá lugar a inauguración no Cenima da exposición dedicada a You & Caxé, os pregoeiros deste ano 2025. Para a continuación, ás 21.30 horas, acudir a pasar unha boa noite na Cea de Comadres organizada por Amas de Casa e Afammer. O venres é o día do pregón e as coplas. A partir das 20 horas na carpa da rúa Atalaia poderemos gozar do plan dos nosos pregoeiros e das coplas coas que nos deleitaran as peñas”.

Ademais Inés López lembra: “ata o día 28 ás 14 horas continúa aberta a inscrición no desfile de Foz. Pódeste inscribir no rexistro do Concello ou na sede electrónica do mesmo no trámite correspondente. Nese mesmo trámite podes atopar toda a información e formularios para a inscrición. Quen non recollera o seu dorsal antes do día do desfile debe pasar pola caseta da organización para recollelo ese día. O día 1 chega o día grande. Ás 10 da mañá o chupinazo, para desde as 12 gozar da música de Santa Compaña polos bares de Foz. A partir das 15 horas as gradas abriranse para que se poidan ir ocupando as localidades. Haberá dúas entradas, unha pola zona da confraría, para o que acuda de Foz, e outra pola zona da piscina, para o que aparque no porto. O desfile comezará ás 16.30 horas. Coma nos últimos anos, retransmitirase en streaming no Youtube do Concello de Foz, para todo aquel que non poda acudir. Será narrado por Juan Varela e Pepo Suevos. O baile abrirá ás súas portas na carpa da rúa Atalaia a partir das 23 horas e comezará ás 23.45, coas orquestras Origen e La Bamba. A entrada custa 6 euros e pódese adquirir en billeteira ou por Internet. Os premios outorgaranse a partir da 1.30 horas”.

A concelleira de Cultura anuncia tamén que “o domingo 2 a partir das 17 horas haberá baile infantil, con xogos, inchables e a actuación de La Guagua. A partir das 19 horas será a entrega dos premios infantís do desfile. Ás 20.30 horas chega a quenda do Touporroutou, no salón de actos do Colexio Martínez Otero. E o día 3 é o Día do Farolillo e o plan en Foz. Ás 17 horas haberá baile infantil do farolillo na Sala Bahía, organizado por O Feitizo (entradas a 3 euros). Ás 23 horas Fania Blanco Show e Alejandro Martínez amenizarán na carpa da rúa Atalaia o famoso baile, con entradas a 4 euros. O día 4 a partir das 17 horas e tamén na carpa será o Día do Neno, coa colaboración de Amas de Casa. É un día infantil coa actuación do Mago Rafa e moitos xogos. Finalmente despediremos esta edición do Entroido coa queima o venres 7, a partir das 20.30 horas, con saída do Campo da Cabana e ata Conde de Fontao”.

Inés López Couto anima “a acudir a Foz aos eventos que todo o pobo prepara con tanto cariño. O Entroido para nos é unha tradición imprescindible”.

O concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández, recorda que “poden seguir inscribíndose no desfile ata o venres, quen queira participar.”

E o alcalde de Foz, Fran Cajoto, agradece “o esforzo de todos os que traballan na organización do desfile e dos distintos eventos e anima a veciños e visitantes a gozar dunha celebración que é especial, polo grado de implicación de veciñas e veciños, polo ambiente que se vive, polos lazos que crea... Quero incidir a todos aqueles que se acheguen á nosa vila o sábado que o fagan con tempo, xa que se prevé que haxa unha gran afluencia de visitantes. E lembrar que o desfile se adiantou media hora, comeza ás 16.30 horas”.

0.17032790184021