Foz prepárase para a 63ª Travesía en piragua cunha participación récord de palistas galegos

A ría de Foz converterase este sábado, 26 de xullo, nun escenario privilexiado para o piragüismo coa celebración da 63ª edición da Travesía de Foz, unha das competicións máis lonxevas do panorama estatal. Organizada polo club Kayak Foz, a proba reunirá este ano a máis de 150 palistas procedentes de distintos puntos de Galicia, nun evento que promete emoción, tradición e moita intensidade sobre a auga.
Na presentación da proba, celebrada esta mañá, a deputada provincial Iria Castro quixo destacar o labor organizativo do club anfitrión, ao que cualificou como “referente no piragüismo galego” e agradeceu “a perseveranza da xente de Foz, que conseguiu manter viva esta cita ao longo de máis de seis décadas”. Castro puxo tamén en valor o impacto que este tipo de eventos teñen no territorio: “Estas probas serven para promover o deporte, visibilizar a riqueza natural da Mariña e dinamizar a vida social das vilas que as acollen”.
A competición contará con representantes de clubs históricos como o Fluvial de Lugo, o Cidade de Lugo, o Altruán de Ribadeo e o Viveiro Urban Hotel, ademais do propio Kayak Foz. Os participantes competirán nas categorías cadete, xuvenil, sénior e veterano, tanto en modalidade masculina como feminina, convertendo Foz nun punto de encontro para diferentes xeracións do piragüismo galego.
A área de Deportes da Deputación de Lugo achega 7.000 euros para apoiar a celebración da proba, dentro da súa aposta por fortalecer os clubs da provincia. Ademais, este apoio encádrase nunha estratexia máis ampla que inclúe axudas directas á actividade competitiva e a promoción da Copa Deputación de Piragüismo, que terá este domingo unha nova cita no Río Covo, en Cervo.