Foz prepara a I Festa do Bacallau no Bispo Santo con música, gastronomía e convivencia veciñal

Foz
AMariñaXa
A cita celebrarase o domingo 7 de decembro en Forxán, cunha xornada que combinará animación, cea baixo carpa e actuación da orquestra París de Noia.
Panos-Bispo-Foz-festa
O alcalde de Foz e o concelleiro de Festas xunto cos organizadores da romaría
5 Dec 2025

A asociación Bispo Santo impulsa este ano a primeira edición da Festa do Bacallau, unha iniciativa que verá a luz o vindeiro domingo 7 de decembro na área recreativa do Bispo Santo, na parroquia de Forxán (Foz). O colectivo pretende consolidar unha celebración gastronómica que contribúa a dinamizar a vida social da zona e a reforzar a cohesión veciñal.

A programación arrancará ás 14.00 horas, momento no que un DJ será o encargado de poñer ritmo ao recinto e animar aos asistentes ao longo da tarde. Toda a xornada desenvolverase baixo unha carpa, garantindo así o confort do público independentemente das condicións meteorolóxicas.

O punto central da festa será a cea popular, prevista para as 21.00 horas, na que o bacallau se converterá no auténtico protagonista do menú. Tras a degustación, a música continuará coa actuación da recoñecida orquestra París de Noia, que será a encargada de pechar a festa cun espectáculo que se agarda multitudinario.

Desde a organización subliñan que este tipo de encontros gastronómicos “xogan un papel fundamental á hora de dinamizar as parroquias e fortalecer os lazos entre os veciños”, polo que agardan que esta primeira edición sexa o inicio dunha tradición chamada a consolidarse no calendario festivo local.

⚙ Configurar cookies
0.085068941116333