Foz prepara unha nova edición da feira de gando A Espiñeira
A Feira de Gando A Espiñeira volve a Foz, á parroquia de Vilaronte o domingo 16 de xuño. A feira dará inicio ás 10.00 horas, ás 11.00 horas terá lugar a medición dos cabalos e ás 12.00 horas haberá sesión vermú con música, cantina e polbeira.
Como é habitual, os exemplares recibirán diversos premios en función das categorías ás que opten. Entregaranse un total de 45 trofeos: míster cabalo de cadeira, miss egua de cadeira, míster cabalo de tiro, miss egua de tiro, miss ou míster burricán, animal máis destacado, miss vaca, míster touro, animal máis engalanado e miss ou míster poldro do ano.
Ademais, ao longo da xornada os asistentes tamén poderán gozar de carreiras. Por restricións sanitarias non se poderán levar exemplares ovinos, bovinos e caprinos. As inscricións pódense facer a través do 658 032 019.