Foz organiza as primeiras xornadas San Martiño no Camiño
Este xoves, día 30 de setembro, e o sábado, día 2 de outubro, celebraranse as primeiras xornadas San Martiño no Camiño, organizadas polo Concello de Foz. Serán as oito da tarde no centro de interpretación da Basílica de San Martiño. Haberá aforo limitado polo que se roga reservar previamente no teléfono 982 140 027 extensión 3.
O primeiro día o historiador e recentemente nomeado cronista oficial de Foz Xoan Ramón Férnández Pacios falará do Camiño do Mar, que “é unha nova vía de peregrinación xacobea, que sae de Ribadeo e percorre os concellos costeiros da provincia de Lugo e Coruña ata enlazar con Camiño Inglés. Este estudo do propio historiador demostra a existencia dunha nova rede hospitalaria xunto ao citado camiño e a presenza continuada de peregrinos dende o século XVI ata finais do século XVIII”, explica o concelleiro de Turismo focense, Chema Linares.
O día 2 terá lugar a seguinte charla das xornadas, a cargo do profesor e historiador Javier Castiñeiras López, un estudoso do románico especialmente no ámbito galego. “Escoitaremos como os acontecementos políticos, relixiosos, territoriais e culturais que modificaron as vellas estruturas herdadas do período altomedieval viñeron establecer uns novos criterios decorativos dados en chamarse románico e destacaremos este binomio arte/reforma no exemplo galego e de San Martiño”, engade Chema Linares.
Ampliación do Centro de Interpretación da Basílica
O edil de Turismo anuncia tamén que “previamente ao inicio das charlas terá lugar a inauguración da ampliación da información e contido do Centro de Interpretación da Basílica de San Martiño. Trátase de 4 paneis informativos que fan referencia a elementos de difícil exposición non antes sinalados e que, pola importancia que teñen, non podían faltar e así amplificar a visión dos visitantes desta maxistral peza artística que é a Basílica. Os paneis están expostos nas salas do primeiro andar e na sala do Bispo, que estaban escasamente dotadas. Os primeiros fan referencia ás pinturas barrocas das capelas norte e sur, a seguinte aos canzorros interiores sobre a luxuria e aos exteriores da fachada sur, aos que non hai acceso, e na sala do Bispo un panel recolle as lendas máis coñecidas de San Gonzalo, como a do afundimento das naves normandas e a da Fonte da Zapata ou da Balea”.