Foz ofrecerá un campamento nocturno gratuíto para mozos e mozas de entre 12 e 16 anos

O Concello de Foz segue a desenvolver unha intensa programación estival dirixida a todos os públicos, con especial atención á mocidade. Así, ademais dos xa coñecidos deslizadores acuáticos no Campo da Cabana, que permanecerán en funcionamento ata o xoves en horario de 11.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas, o goberno local anuncia agora unha das propostas máis novidosas deste verán: un campamento nocturno gratuíto dirixido a rapaces e rapazas de entre 12 e 16 anos.
Segundo explicou o alcalde, Fran Cajoto, “o campamento desenvolverase entre o mércores 30 de xullo ás 17.00 horas e o venres 1 de agosto ás 19.00, cunha programación pensada para ofrecer diversión, convivencia e contacto coa natureza”. A iniciativa terá lugar na área recreativa da Obra Pía de Fazouro, un espazo privilexiado pola súa proximidade ao paseo do río Ouro, á praia da Pampillosa e á histórica Ponte de Ferro.
Durante as xornadas do campamento, os participantes poderán gozar dunha ampla variedade de actividades: xogos deportivos, contos de medo, festas da escuma, dinámicas grupais e moito máis. O obxectivo, tal e como sinalou o concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira, é “ofrecer alternativas de lecer diferentes e de calidade, aproveitando as paisaxes e recursos naturais que nos rodean. Foz conta con parroquias fermosas e queremos que a xuventude as descubra vivindo experiencias únicas”.
A actividade está financiada integramente polo Concello de Foz e as prazas dispoñibles son limitadas. A inscrición pode realizarse ata o luns 28 de xullo ás 13.00 horas, a través do correo electrónico xuventude@concellodefoz.es ou presencialmente na Casa da Xuventude (rúa Julia Minguillón, número 7). Toda a información tamén se pode consultar na web municipal ou chamando ao teléfono 982.133.037.
Cajoto destacou que “nesta época estival queremos ampliar a oferta de ocio xuvenil cun formato diferente, no que o deporte e a natureza sexan protagonistas, fomentando ao tempo a convivencia e o aproveitamento do noso patrimonio natural”.