Foz mellorará a seguridade viaria na N-642 con futuras actuacións

Foz
AMariñaXa
A Secretaria de Estado de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Beira, visitou a zona de actuación do proxecto Tratamento de interseccións.
13 Xan 2023

A Secretaria de Estado de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Beira, visitou a zona de actuación do proxecto Tratamento de interseccións. Mellora de seguridade viaria. Transformación de dúas interseccións en glorietas, N-642, ppkk 39+910 e 40+970” actualmente en redacción. O orzamento estimado desta actuación, ascende a 0,56 M€ (IVE incluído). Na súa visita, Isabel Pardo de Beira estivo acompañada polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; e a subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez.

Este proxecto foi sometido ao trámite de información pública (BOE do 31 de agosto de 2022) e transcorrido o prazo establecido para a exposición oficial e pública, atópanse en estudo as alegacións recibidas para proceder á aprobación da información pública e o proxecto de trazado, pasando a redactarse o proxecto construtivo.

Durante o transcurso da visita, foron expostos ademais dous proxectos en redacción para a mellora da seguridade viaria na N-642 en Foz como son o novo accesos a Foz desde a N-642 e a reforma da intersección da N-642 coa LU-152.

No relativo a nova ligazón e novo acceso a Foz desde a N-642, farase  aproveitando un paso superior existente, será transformado nunha nova ligazón de tipoloxía “diamante con glorietas”, que mellorará notablemente a accesibilidade ao núcleo de Foz. Este proxecto deberá ser sometido ao trámite de información pública efectos de expropiacións e o seu orzamento é de 2,59 M€.

A reforma da intersección da N-642 coa LU-152 farase implantando novos carrís adicionais para efectuar os xiros, a efectos de mellorar a seguridade viaria cun orzamento de 0,41 M€.

Tratamento de interseccións.

O proxecto consiste na transformación en glorietas das interseccións existentes situadas nos PPKK 39+910 e 40+970 da estrada N-642, reposición de marcas viarias e iluminación, revisión e reposición da sinalización vertical, acondicionamento das zonas de circulación peonil, elementos de drenaxe e servizos afectados, ademais da reposición de accesos e outros servizos que resulten afectados polas obras necesarias para dispoñer as novas glorietas.

No PK 40+970, sitúase unha intersección a nivel, na que se permiten os xiros á esquerda mediante un carril central de espera, coa estrada autonómica LU-162, que á súa vez comunica co municipio do Valadouro. Esta circunstancia provoca que a intersección entre a N-642 e a LU-162 presente un volume de tráfico importante, gran parte do cal realiza o xiro á esquerda na mesma.

Por outra banda, no PK 39+910 existe outra intersección, neste caso con diferentes vías locais, e que se resolve mediante unha glorieta partida. A pesar de que esta segunda intersección só conecta con vías locais, a súa localización faia especialmente favorable para o acceso aos núcleos de poboación da contorna, o cal incrementa de forma substancial o número de vehículos que empregan a intersección.

Por outra banda, na proximidade desas interseccións sitúanse unha serie de equipamentos e dotacións (centro social, igrexa, cemiterio, etc) do núcleo de poboación de Cangas de Foz, maioritariamente na marxe dereita da N-642, mentres que unha gran parte da poboación do núcleo reside na marxe esquerda desa estrada. A necesidade dos residentes de cruzar a N-642 para realizar os seus traxectos peonís entre eses diferentes puntos de orixe ou destino de viaxes provoca situacións de inseguridade viaria, acentuadas pola elevada intensidade de tráfico da intersección.

Para solucionar os problemas expostos, proxéctanse ambas as glorietas que resolven e ordenan a problemática dos xiros á esquerda, mellorando a seguridade viaria do tramo e facilitando todos os movementos. Ademais, as glorietas funcionarán como un elemento de acougado do tráfico da N-642 nas súas inmediacións, o cal mellora seguridade viaria asociada ao tráfico peonil entre ambas as marxes da estrada. O orzamento da actuación é de 0,56 M€.

Novo acceso Foz Centro. Estrada N-642, PK 32+200. T.M. Foz. 

Na actualidade a estrada N-642 discorre en variante na contorna do núcleo de Foz, capital do termo municipal do mesmo nome. Os accesos ao núcleo realízanse a través de dúas glorietas, de inicio e final da variante (en sentido de avance de PK), situadas respectivamente nos PK 30+950 e 34+100.

Co obxecto de mellorar a mobilidade e de reducir a lonxitude dos percorridos urbanos dos vehículos que acceden ao núcleo de Foz vai proxectar unha nova ligazón e vial de acceso ao centro desta localidade. A prolongación deste eixo conecta coa estrada LU-P-2009, de titularidade da Deputación de Lugo. Esta estrada dispón dun paso sobre a N-642 atualmente.

Na actualidade, os accesos ao núcleo de Foz realízanse a través das 2 glorietas indicadas anteriormente, e para o acceso ao centro do núcleo (Avenidas de Álvaro Cunqueiro e da Mariña) é necesario transitar por viais de carácter eminentemente urbano.

A nova Ligazón Foz Centro, no pk 32+200 da N-642, a través da Rúa Costa do Castro e a contorna do cemiterio municipal, permitirá o acceso á Avenida de Álvaro Cunqueiro e ao núcleo urbano, cunha distribución territorial máis homoxénea dos tráficos de entrada e saída ao núcleo, especialmente nos meses estivais, nos que a IMD da estrada N-642 supera os 12.000 vehículos.

Estas actuacións van acometer en dúas fases, a Fase 1 que consistirá na execución da ligazón que inclúe os novos ramais de ligazón e glorietas adxacentes e a Fase 2 que incluirá un novo vial de acceso desde a glorieta situada este ata a zona do cemiterio no que se construirá unha terceira glorieta de acceso á malla urbana de Foz. O orzamento desta actuación estimouse en 2,59 M€ (2,18 M€ a nova ligazón e 0,41 M€ o novo vial de acceso a Foz).

Reforma intersección N-642 e LU-152. Estrada N-642, PK. 30+400.T.M. Foz. 

A intersección existente da estrada N-642 coa estrada autonómica LU-152 está configurada actualmente como unha intersección en “T” con bágoa central e illotes encauzadoras para os xiros a dereita nos laterais da estrada LU-152.

Desde hai anos veñen producindo retencións en horas punta, especialmente en época estival, motivadas polos movementos de xiro, debido ao intenso tráfico que soporta a N-642 nesa época do ano.

As actuacións propostas consistirán basicamente na implantación de novos carrís de espera central entre a N-642 e a LU-152. O orzamento da actuación é de 0,41 M€.

DEPUTACIÓN DE LUGO

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, puxo en valor “o importante compromiso” que demostra o Executivo central coa comarca mariñana impulsando estas actuacións nun encontro no que participou o Alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e alcaldes e alcaldesas da Mariña.

O Goberno construirá dúas novas glorietas na N-642 ao seu paso por Cangas de Foz, que servirán por unha banda para aliviar o tráfico que se desvía cara Alfoz e O Valadouro e tamén para as persoas que acceden cara o centro cívico, o cemiterio e a igrexa desta parroquia focense. Serán nos puntos quilométricos 39,910 e 40,970.

Ademais, o Executivo acometerá unha reforma no acceso que comunica a N-642 coa LU-152, outro acceso onde o tráfico se desvía cara Alfoz e o Valadouro. Habilitaranse carrís de espera no centro da vía para evitar as importantes retencións que se producen na Nacional, sobre todo nas horas puntas do verán.

O presidente valorou moi positivamente estas novas actuacións que redundarán na seguridade viaria da veciñanza da Mariña, pero tamén dos visitantes que transitan por esta arteria de comunicación que enlaza por estrada a comarca pola costa.

CONCELLO DE FOZ

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, manifestou: “estamos máis que satisfeitos co resultado do traballo de toda unha lexislatura, que se está comezando a materializar. Teño que agradecer as palabras da Secretaria de Estado Isabel Pardo de Vera, que sempre nos recibiu con gran cordialidade e entendeu como prioritarias para o Ministerio unhas actuacións que van mellorar enormemente a seguridade viaria e a accesibilidade das veciñas e veciños.  A construción das rotondas de Cangas é fundamental para a conectividade da Gralleira e Ribela e para eliminar o punto negro no que se converteu o enlace coa estrada a Ferreira no entorno do Centro Social de Cangas”. Respecto a isto, o alcalde destaca as palabras da Secretaria de Estado, que “se comprometeu non só coa visita senón tamén cos feitos, xa que en próximas datas se publicará a aprobación definitiva despois das alegacións e darán comezo as expropiacións e posterior licitación das obras. Outra intersección máis que complicada é o cruce da Corredoira, especialmente para as veciñas e veciños de Vilaronte, San Martiño, Santa Cilla e San Acisclo, que teñen neste punto o seu acceso natural. Queremos agradecer tamén o impulso ao acceso Foz Centro, cunha inversión prevista de 2,59 millóns de euros e que inclúe un ramal que conectará no cemiterio coa recentemente estreada urbanización da rúa Costa do Castro”.

O alcalde engadiu que “este é o resultado do esforzo e colaboración entre administracións, pensando nas veciñas e veciños tanto das parroquias como do casco urbano e na súa mellora da calidade de vida. Foz estase transformando, cun crecemento que ten que ser sostible e sostido no tempo e debemos estar á súa altura”.

Cajoto rematou comentando que “nun día cunha gran nova coma esta o pensamento está co noso veciño de Cangas desaparecido, do que aínda non temos novas. Quero agradecer o esforzo que todas as forzas de seguridade, agrupacións de voluntarios e veciños están a facer para obter algunha pista. O noso maior apoio á familia nuns momentos tan difíciles”.

0.13160395622253