Foz mellora o Camiño dos Castros, na parroquia de Nois
O Concello de Foz está executando obras de acondicionamento e renovación de firme no Camiño dos Castros, vial 1C.1.0135, na parroquia de Nois. Está nunha zona moi poboada de Nois, preto da costa, e que dá tamén acceso á depuradora.
O arranxo do Camiño dos Castros, en Nois, cun presuposto de case 14.300 euros, contempla limpeza de marxes, aglomerado en quente de 5 centímetros tipo D-12, levantamento de tapas de arquetas, pintado de marxes e reposición de sinalización nos seus 305 metros de lonxitude.
O alcalde, Fran Cajoto, explica: “unha vez máis aproveitamos ao máximo os recursos públicos. Coas baixas dos ofertantes para os camiños incluídos no Plan Único do 2019 puidemos aglomerar dous viais a maiores na parroquia de Vilaronte: subida ao Carme e camiño do Calvario a Espiñeirido. No proceso de contratación destas obras en Vilaronte houbo unha nova baixa, fondos que se aproveitaron para poder acondicionar este vial en Nois, actuación que se está a executar agora”.
O rexedor municipal engade que “isto quere dicir que, con fondos procedentes das baixas da contratación do Plan Único 2019, fomos capaces de acondicionar 1.320 metros máis de camiños e viais municipais neste ano 2020. A base de prezos que se está a utilizar nos proxectos é a mesma que se usaba en exercicios anteriores: o que máis estrañeza me causa é ou ben que o goberno anterior non solicitase nunca á Deputación a utilización de baixas para executar novas obras ou ben que esas baixas non chegaran a producirse”.
Fran Cajoto recorda que con remanentes do alumeado público das rúas Eduardo Pondal e Noriega Varela púidose mellorar tamén a iluminación na Concello de Sarria.
“Seguiremos sendo escrupulosos co gasto público: sabemos que non é posible executar ao mesmo tempo todas as melloras de infraestruturas que o municipio de Foz necesita pero continuaremos traballando segundo as dispoñibilidades orzamentarias”, remata o alcalde.