Foz mellora a mobilidade urbana con novas vías e renovacións de rúas

Foz
AMariñaXa
O Concello abre unha nova saída nas Lagoas e reabre ao tráfico Alfonso X, mentres prepara novas actuacións con cargo ao Plan Deputación 2025
FOZ-RuA-ALFREDO-BRAnAS-2025
7 Nov 2025

O Concello de Foz continúa coa súa aposta pola mellora da mobilidade e dos servizos urbanos. Esta semana abriu ao tráfico unha nova vía nas Lagoas (As Torres), unha actuación que contou cun investimento de preto de 68.000 euros financiados a través do Plan Deputación 2024. A nova rúa aséntase sobre un camiño público xa existente, ampliado grazas á cesión de terreos por parte dos veciños, e incorpora unha ampla zona peonil e unha moderna iluminación.

“O lugar atopábase degradado, con moito lixo e sen luces, e agora converteuse nun paso amplo e seguro que enlaza coa senda peonil cara á praia de Llas”, explicou o alcalde, Fran Cajoto. O rexedor subliñou que se trata dunha rúa de sentido único que facilita o acceso ás vivendas e unha saída máis cómoda para os vehículos que estacionan na zona das Torres. “Cremos que é unha mellora moi importante para os veciños, tanto en comodidade como en seguridade”, engadiu.

A estas actuacións súmase a reapertura ao tráfico da rúa Alfonso X, que mudou o seu sentido de circulación, e a renovación do firme da rúa Alfredo Brañas. “Investimos 100.000 euros, grazas a un convenio coa Deputación de Lugo, para mellorar o firme de Alfredo Brañas e renovar completamente Alfonso X, con novas redes de pluviais, fecais e abastecemento”, indicou Cajoto, quen destacou que o Concello “actúa no importante: no que se ve e tamén no que non se ve”. O alcalde aproveitou para felicitar á empresa construtora pola axilidade e a calidade da execución dos traballos.

Paralelamente, o Concello de Foz atópase a piques de rematar o proceso de contratación doutro paquete de obras incluído no Plan Deputación 2025. A empresa mellor valorada no proceso de licitación foi OVISA Pavimentos y Obras SLU, cunha oferta de 373.815 euros. O proxecto abrangue diversas melloras en varios puntos do municipio: a renovación dos accesos ao IES de Foz, cun orzamento de 117.000 euros; a mellora do firme na rúa do Mar e a renovación de Jesús Nazareno, por 121.000 euros; a renovación do abastecemento en Alfredo Brañas; e unha actuación de 105.000 euros na rúa Concello de Cervo, onde se instalarán novas redes de pluviais e fecais.

Estas intervencións forman parte dun plan integral de mellora urbana que, segundo destacou o alcalde, “busca modernizar as infraestruturas municipais e facer de Foz unha vila máis cómoda, segura e funcional para todos os veciños”.

⚙ Configurar cookies
0.069634914398193