Foz levará ao pleno de novembro a conxelación das taxas para 2026 e un suplemento de crédito de 1,3 millóns

Foz
AMariñaXa
O Concello regulariza pagos atrasados pola ausencia de interventor en 2024 e destaca a boa saúde das súas contas
FOZ-ALCALDE-E-A-CONCELLEIRA-DE-ECONOMiA-2025
14 Nov 2025

O Concello de Foz prepara o pleno ordinario de novembro cunha orde do día marcada por decisións económicas de relevancia, entre elas a proposta de conxelar todas as taxas e tributos municipais para o ano 2026. A concelleira de Economía e Facenda, Inés López Couto, explicou que a situación financeira “é moi boa”, malia que a ausencia de interventor durante boa parte do ano 2024 deixase facturas e subvencións pendentes: “Os gastos do Concello están equilibrados cos ingresos, incluso por debaixo”, sinalou.

Segundo detallou López Couto, esta circunstancia derivada da falta de persoal técnico obrigou a atrasar pagos do exercicio 2024, algo que tamén tivo impacto na planificación económica de 2025. Para regularizar esta situación presentarase ao pleno un suplemento de crédito de 1,3 millóns de euros, que permitirá facer fronte a obrigas acumuladas. Entre as partidas figuran 360.000 euros en facturas conformadas do 2024, 77.000 euros en subvencións a clubs e asociacións do 2023, e máis de 177.000 euros para as axudas correspondentes a 2025.

A relación inclúe tamén 21.000 euros para o convenio coa Dirección Xeral de Tráfico destinado á informatización da aula de exames, garantindo así a continuidade deste servizo local; máis de 15.000 euros para o arranxo da cuberta do consistorio; e máis de 65.000 euros que completan a achega municipal para a renovación integral do Campo de Fútbol de Malates, unha actuación que conta cun apoio adicional de 250.000 euros da Deputación de Lugo.

O goberno local e o interventor municipal reuníronse este venres cos grupos do BNG e Partido Popular para expoñerlles as propostas que se elevarán ao pleno, previsto para o martes día 26. A sesión incluirá tamén o recoñecemento extraxudicial das facturas do 2024, un Plan Económico-Financeiro motivado pola falta de persoal técnico no exercicio pasado e a proposta de adxudicación da mesa de contratación relativa á xestión do Ciclo Integral da Auga.

López Couto subliñou que a previsión de menores gastos en 2026 tras a adxudicación do servizo da auga, xunto co aumento das entregas a conta dos tributos do Estado, permitirá manter conxeladas as taxas no vindeiro exercicio e, ao mesmo tempo, incrementar o nivel de investimento municipal. “Isto é posible grazas a un traballo serio de regularización nas contratacións, polo cal debo agradecer o esforzo dos servizos técnicos e do persoal municipal”, afirmou.

De cara ao futuro, a concelleira avanzou que o seguinte obxectivo será elaborar un novo orzamento para 2026, marcado pola evolución positiva demográfica e económica de Foz: “Somos un concello dinámico e con forte actividade social. O aumento de poboación e de investimentos é moi esperanzador. Debemos centrarnos en ofrecer vivenda social o vindeiro ano, é o noso gran obxectivo”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.069727897644043