Foz leva ao Pleno unha proposta de adhesión á axenda 2030

Foz
TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
11 Dec 2019

O goberno municipal de Foz leva ao pleno da corporación que se celebrará mañá, xoves, unha proposta de adhesión á Axenda 2030 e aos seus 17 obxectivos de desenvolvemento sostible. Esta iniciativa contempla promover actividades de divulgación deste plan de acción e instalar un símbolo nalgún lugar do municipio focense para visualizar o compromiso coa Axenda 2030.

O concelleiro de Relacións Institucionais, Carlos García, explica que esta proposta do goberno local “ten que ver coa adhesión á Axenda 2030 e aos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible que figuran nela. É unha moción titulada Iniciativa polo futuro porque esa é a nosa intención: fomentar o contrato social global que vén propulsado dende a ONU e que ten diversas índoles de actuación, como son a nacional, autonómica e, neste caso, municipal. Queremos reunirnos co Alto Comisionado para a Axenda 2030, coa cal xa tivemos un par de contactos; queremos reunirnos coa Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia, aprobada en outubro deste ano e que no decreto 142/2019, do 31 de outubro, insta a que outras administracións públicas e privadas se decidan a impulsar as medidas necesarias para promover o cumprimento de obxectivos de desenvolvemento sostible en Galicia”.

Carlos García engade que a Axenda 2030 “é un marco estratéxico que quere centrar a visión política e a acción de goberno do Concello de Foz. Polo tanto a nosa proposta inicial versará en promover actividades de divulgación da Axenda 2030 neste municipio. Queremos estudar a implementación de políticas e metas prioritarias, xuntarnos con entidades supramunicipais e promover accións estratéxicas. Ademais queremos adaptar o logotipo da Axenda 2030 á identidade corporativa do Concello de Foz. E, para finalizar, temos a intención de asignar unha localización física significativa do noso municipio a un símbolo co que visualizar o compromiso con esta iniciativa”.

O concelleiro focense de Relacións Institucionais remata adiantando que “esta proposta terá unha revisión anual de reformulación de obxectivos. É o tempo de sumar esforzos dende o local. É unha iniciativa polo futuro de Foz no eido medioambiental, económico e social; un municipio máis produtivo, máis sostible e máis resiliente. Queremos un Foz habitable e inclusivo. Por iso animamos a todas as forzas políticas con representación no Concello a asumir este gran desafío con valentía porque non hai reto que poida resistir o devezo de deixar aos nosos fillos e fillas un mundo mellor”.

0.2080090045929