Foz leva a pleno a adxudicación definitiva da cafetería do centro social

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz levará á comisión de urxencia e a pleno a adxudicación definitiva
2024-TERRAZA-DA-CAFETERÍA-BAR-NÁUTICO-DE-FOZ
22 Xuño 2024

O Concello de Foz levará á comisión do luns, de urxencia, e a pleno o vindeiro xoves, 27 de xuño, a adxudicación definitiva da cafetería do centro social, unha vez celebrada a mesa de contratación este venres, día 21 de xuño. A proposta de adxudicación da mesa é a Manuel Mostazo Moldes, que ofertou un canon anual de 1.001 euros por tres anos, con posibilidade de prórroga de outros catro anos adicionais. Un café no bar Náutico do Centro Social pasará a custar 1,10 euros para maiores de 65 anos, podendo establecer o adxudicatario un prezo libre para o resto dos usuarios.

A cafetería estará aberta todos os días do ano. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, lembra os investimentos feitos para poder levar a cabo esta apertura: “No ano 2021 ampliamos por 54.500 euros a aula de seguridade viaria do peirao de Foz; deste xeito creamos unhas instalación axeitadas para a Asociación de Discapacitados Virxe do Carme, independentes e con espazo ao aire libre, e liberamos a cafetería para a súa reforma”. Unhas obras adxudicadas tamén no ano 2021 por 43.200 euros, que se completaron con 35.200 euros para a reforma completa das instalacións eléctricas e doutros servizos que se independizaron e algo máis de 15.000 euros para mobiliario.

“Investimos 93.500 euros na reforma dun local que agora está climatizado, ten aseos adaptados a discapacitados e unha terraza de 54 metros cadrados que se abre ao porto de Foz e a toda a ría, co obxecto claro de recuperar para os maiores de Foz un espazo de encontro que poidan volver a considerar seu”. A concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo, destaca a funcionalidade do novo bar Náutico: “Son unhas instalacións totalmente adaptadas a persoas con diversidade funcional ou mobilidade reducida, con rampla e baños totalmente adaptados”.

A decoración evoca o Foz máis mariñeiro, con fotos antigas nas que se pode apreciar o vello peirao e o antigo pósito de pescadores. Os ventanais proporcionan unha das mellores vistas de Foz. Está previsto que a cafetería poida abrir as súas portas ao longo do mes de xullo, en data sen confirmar. “A comodidade da cafetería reformada, o entorno mariñeiro, as vistas, fan deste espazo recuperado un luxo que queremos ofrecer aos maiores de Foz. Pedimos desculpas pola espera, pero creo que pagou a pena”, remata o alcalde.

0.18730497360229