Foz izou a bandeira azul na Rapadoira
O Concello de Foz izou a bandeira azul na praia de A Rapadoira, acto que contou coa participación do alcalde, Fran Cajoto, e doutros membros da corporación municipal.
O rexedor municipal explicou que “este ano tivemos dificultades engadidas para poñer en funcionamento o servizo de salvamento. Á escaseza de socorristas sumouse de novo un retraso na subvención da Xunta de Galicia, que recortou moito uns fondos moi necesarios para garantir a seguridade nas praias; só se financian 6 socorristas cando no anos 2017 e 2018 a Xunta concedía ata 20”.
Fran Cajoto engadiu que “ademais a incidencia da covid obrigou a reorganizar o servizo, que por primeira vez conta con persoal auxiliar de apoio contratado polo Concello. Sempre primamos dispoñer de servizo de salvamento nas praias máis concorridas e relegamos a un segundo plano as enseñas ou outras cuestións, como a bandeira azul. Sen embargo é un feito moi significativo poder izar de novo a bandeira na praia máis emblemática da Mariña, a da Rapadoira”.
O alcalde destaca a alta calidade dos areais focegos, con augas excelentes para o baño e que contan con todos os servizos. “Isto non é o habitual noutros puntos de España. A verdade é que podemos estar ben orgullosos: a nosa obriga é conservar as praias no mellor dos estados, xa que son medios naturais. Respectamos o período de nidificación da píllara das dunas, por iso a limpeza completa do areal da Rapadoira tivo que agardar ata pasar o 15 de xullo. Contamos con persoal de reforzo na limpeza diaria dos areais e zonas de paseo. Pido a colaboración a todos, canto menos ensuciemos menos haberá que limpar, o coidado do noso entorno debe ser algo compartido”, rematou Cajoto.