Foz inviste máis de 370.000 euros na mellora de accesos, servizos e vías urbanas co apoio da Deputación

O Concello de Foz vén de sacar a licitación, mediante procedemento aberto de contratación, un conxunto de actuacións que suporán unha mellora significativa na mobilidade e nos servizos do núcleo urbano. As obras, cun investimento total de 372.366,33 euros con cargo ao Plan Deputación 2025, inclúen a renovación do acceso ao IES de Foz, as rúas Jesús Nazareno, do Mar, Concello de Cervo e a substitución da rede de abastecemento en Alfredo Brañas. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 23 de outubro.
O alcalde, Fran Cajoto, subliñou que se trata de “obras moi demandadas polas veciñas e veciños, que forman parte dun proceso máis amplo de renovación de servizos, mellora do firme e accesibilidade no casco urbano de Foz, dentro do Plan de Mobilidade aprobado en marzo de 2022”.
Segundo explicou o rexedor, “unha das principais prioridades é mellorar o acceso ao instituto, garantindo que os autobuses poidan efectuar as paradas con total seguridade para o alumnado”. Cajoto destacou que o investimento destinado a esta actuación supera os 117.000 euros, “unha obra fundamental para o IES de Foz, un centro de referencia en toda a comarca”.
No Campo da Cabana acometeranse obras por máis de 121.000 euros, centradas na renovación do firme da rúa do Mar, así como nas melloras do saneamento, abastecemento e pavimento da rúa Jesús Nazareno. A intervención na rúa Alfredo Brañas consistirá na substitución completa da rede de abastecemento, cun orzamento de 105.000 euros. Pola súa banda, na rúa Concello de Cervo renovarase a rede de fecais, instalarase unha nova liña de pluviais e disporase dun novo firme, completando así a modernización integral da zona.
Estas actuacións engádense á renovación que se está executando na rúa Alfonso X, cun investimento de algo máis de 67.000 euros e adxudicada á empresa Construcciones Cazás S.L.. “Hoxe mesmo puiden comprobar coa contrata o bo ritmo dos traballos en Alfonso X”, indicou Cajoto, quen sinalou que “agardamos poder aglomerar o vial a próxima semana ou a seguinte, dependendo da dispoñibilidade dos equipos”.
O alcalde destacou que estas melloras “non só modernizan as infraestruturas, senón que tamén incrementan a seguridade e a comodidade para os veciños e veciñas de Foz, facendo da vila un espazo máis accesible, eficiente e adaptado ás necesidades actuais”.