Foz inviste máis de 119.000 euros en mellorar viais nas parroquias de Santo Acisclo e Santa Cilla

Foz
AMariñaXa
As obras foron executadas con cargo a fondos da Deputación de Lugo, pertencentes ao Plan Único 2023
viale_estrada_ferreira_barrio_de-raulfe
15 Maio 2024

O Concello de Foz investiu máis de 119.000 euros na mellora de distintos viais nas parroquias de Santo Acisclo e Santa Cilla. As obras foron executadas con cargo a fondos da Deputación de Lugo, pertencentes ao Plan Único 2023 e grazas á aportación do Ministerio de Agricultura, Unión Europea, Xunta de Galicia e Concello de Foz, dentro do plan de camiños do Agader 2023-2024.

En Santo Acisclo, por un importe de 38.000 euros con cargo a fondos do Agader 2023-2024, aglomerouse en quente o vial que une Raúlfe coa estrada LU-152 Foz-Ferreira. “Melloramos a drenaxe neste camiño con dúas novas taxeas e o formigonado de algo máis de 25 metros de cuneta. Realizamos o aglomerado en quente de 620 metros de vial, ancheando dúas curvas para facilitar a circulación e rematamos a obra con nova sinalización vertical e horizontal”, explica o alcalde de Foz, Fran Cajoto.

En Santa Cilla, no barrio de Trasmonte, renovouse cun dobre tratamento superficial con rega asfáltica o firme en 2,4 quilómetros de camiños, que constitúen o entramado viario neste núcleo. “Investimos máis de 81.000 euros para mellorar o firme nuns camiños que sofren moito desgaste pola saca de madeira. Estes traballos súmanse á renovación da varanda e a sinalización na ponte sobre o río Ouro que realizaramos na anterior lexislatura”, destaca o alcalde.

Ademais está prevista a mellora de firme tamén con rega asfáltica de algo máis de 350 metros dun vial en Vilatuixe, na parroquia de Santa Cilla, con cargo ao Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración 2023-2024, cofinanciado polos fondos europeos Feader nun 75 %, pola Xunta e polo Ministerio de Agricultura.

0.19285106658936