Foz instala catro minipuntos limpos para facilitar a reciclaxe no centro urbano

O Concello de Foz vén de instalar catro minipuntos limpos de proximidade no casco urbano, co obxectivo de mellorar a xestión de residuos e fomentar a reutilización. A actuación, cun orzamento total de 18.125,80 euros, foi financiada nun 90% con fondos da Unión Europea – Next Generation EU, a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia xestionado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. O 10% restante foi achegado polo propio Concello.
O alcalde, Fran Cajoto, salientou que “debemos fomentar a cultura da reutilización e da reciclaxe: producir menos lixo, xestionalo mellor e coidar conxuntamente do noso concello”. O rexedor indicou que a nova infraestrutura facilitará que os veciños dispoñan de lugares próximos para depositar materiais de reciclaxe específicos. “Moitos nos preguntaban onde levar lámpadas ou pilas. Agora será máis doado, pois colocáronse puntos de recollida na Avenida da Mariña, na rúa Álvaro Cunqueiro, na Avenida de Viveiro – fronte ao Gadis de Marzán – e na rúa Trapero Pardo, no inicio da Rapadoira. Pido a todos e todas que fagan bo uso deles”, engadiu.
O concelleiro de Medio Ambiente, Ángel Fernández Neira, detallou que nestes minipuntos é posible reciclar cartuchos de impresora, lámpadas LED, pilas e baterías, lámpadas de baixo consumo, pequenos aparellos electrónicos e cápsulas de café de aluminio ou plástico. “Este servizo complementa á perfección o punto limpo móbil que percorre as parroquias”, precisou.
Cajoto concluíu lembrando que o Concello segue traballando na parte administrativa da nova licitación para a recollida selectiva do contedor marrón (orgánica), amarelo (envases) e azul (cartón). “Quero agradecer o esforzo dos técnicos municipais”, apuntou.