Foz inaugura setembro con teatro, charlas históricas e festas patronais

Foz
AMariñaXa
O Concello presenta unha ampla programación cultural que combina patrimonio, diversión e tradicións locais
Concello-de-Foz-2025
3 Sep 2025

O mes de setembro chega a Foz cargado de novas actividades culturais e festivas. A concelleira de Cultura, Inés López Couto, subliña que “a cultura non para en Foz. Despois dun verán intenso, o inicio de setembro tamén ofrece múltiples opcións para os amantes da historia, o teatro e a festa. Esta é só a antesala dunha programación de outono que traerá actividades para todos os gustos, en colaboración con asociacións, AGADIC, a Academia Galega do Audiovisual e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo”.

Este venres arrancan no Centro de Interpretación de San Martiño as charlas San Martiño no Camiño, coa primeira dedicada a A Orde de Montegaudio en Galicia: O monxe guerreiro chegado de Terra Santa que fixo tremer o bispado de Mondoñedo, impartida por Alberto Paraje Méndez, arquitecto técnico e secretario da Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia. A charla terá lugar ás 19.00 horas na Sala Multiusos Queralt.

Ao mesmo tempo, tamén comeza o Circuíto de Teatro organizado por Pico do Castro e Fegatea, que ofrecerá todos os venres do mes ás 20.00 horas na Casa da Cultura representacións de teatro afeccionado. A primeira obra, Rutinas, será da compañía Max Teatro, e o prezo da entrada será de tres euros.

As festas patronais da parroquia de Cordido completan a oferta cultural deste primeiro tramo de setembro. Este sábado 6 celebraranse a misa e sesión vermú a partir das 13.30 horas coa orquestra Alianza, seguida dunha verbena con Alianza e La Rosa. O domingo 7, tamén a partir das 13.30 horas, haberá misa e sesión vermú coa orquestra Acordes, que actuará tamén pola noite na verbena. O 13 de setembro terá lugar a tradicional sardiñada acompañada do dúo Belinda.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, destaca que “Foz non deixa de estar cheo de eventos aínda que o verán quede atrás; a cultura segue a ser prioritaria”.

⚙ Configurar cookies
0.16425013542175