Foz inaugura o primeiro Parque Canino da Mariña o sábado 15 de marzo

Foz
AMariñaXa
A nova instalación, situada no Pico do Castro, ofrecerá 2.000 metros cadrados de espazo para os cans e as súas familias
Representantes-da-directiva-da-Asociaciòn-amigos-cans-foz-2024
14 Mar 2025

O Concello de Foz inaugurará mañá, sábado 15 de marzo, ás 11 horas, o primeiro Parque Canino da Mariña, situado no Pico do Castro, na rúa Costa do Castro, xusto a carón das letras de Foz e fronte ao cemiterio. A apertura desta nova instalación contará coa presenza do alcalde, Fran Cajoto, así como de outros membros do goberno municipal, representantes da Asociación Amigos dos Cans Foz e, posiblemente, da Protectora de Animais de Foz, xunto con monitores e alumnos da escola obradoiro que fixeron posible a recuperación e rexeneración das antigas instalacións de gas onde se atopa o parque.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, invita a todos os veciños e veciñas de Foz a achegarse coas súas mascotas para coñecer as novas instalacións. “Con este parque, damos un paso máis na mellora das infraestruturas de Foz, pensando na convivencia das persoas con os seus cans. Animamos a todas as familias con peludos a vir mañá e disfrutar xuntos deste espazo de lecer e benestar,” comentou Cajoto.

O Parque Canino Pico do Castro conta cunha superficie de 2.000 metros cadrados e ofrece diversas comodidades para os animais e as persoas. Entre as instalacións inclúen xogos de agility para cans, unha fonte para persoas e animais, así como bancos e unha marquesiña para resgardo da choiva. Este novo espazo permitirá aos donos de cans desfrutar dun lugar seguro e adaptado para o esparexemento e exercicio das súas mascotas.

A apertura deste parque, o primeiro do seu tipo na Mariña, representa un avance na oferta de servizos para os veciños e nas melloras na calidade de vida dos animais de compañía na vila.

⚙ Configurar cookies
0.033043146133423