Foz impulsa a construción de novas vivendas pero alerta sobre a falta de vivenda social

O Concello de Foz aprobou na Xunta de Goberno Local deste martes a concesión de varias licenzas urbanísticas para a construción de novas vivendas no municipio. Entre elas, destacan tres vivendas unifamiliares en Marzán, Foz e Fazouro, así como a rehabilitación doutra vivenda en Fazouro e a ampliación dunha en Cangas.
O alcalde, Fran Cajoto, destacou a importancia de axilizar os trámites administrativos para fomentar o crecemento do municipio: “Estamos traballando para reducir os tempos de espera, sempre garantindo que as licenzas conten cos informes favorables tanto a nivel técnico como xurídico. Foz é dinámico e continúa medrando: no 2024 acadamos os 10.276 habitantes censados, segundo o INE, 78 máis que no 2023”.
Ademais, na Xunta de Goberno aprobáronse catro licenzas de parcelación e tres de innecesariedade de parcelación.
A pesar deste desenvolvemento, o alcalde alertou sobre o problema do alto prezo dos alugueiros e a falta de vivenda social: “Foz é un motor na Mariña. Porén, xa temos un problema importante co acceso á vivenda. Actualmente hai 73 persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda en Foz, fronte ás 43 de Ribadeo. Por iso, pedimos á Xunta que promova vivenda social canto antes e priorice os concellos con maior demanda. Ademais, é fundamental regular as vivendas de uso turístico para garantir prezos accesibles”.