Foz estrea un novo equipo para reforzar a limpeza viaria

Foz
AMariñaXa
O Concello incorpora maquinaria financiada polo Fondo de Compensación Ambiental cun investimento de case 14.000 euros
FOZ-NOVO-EQUIPO-DE-LIMPEZA-DO-CONCELLO-2025
23 Aug 2025

O Concello de Foz vén de poñer en marcha un novo equipo destinado á limpeza viaria e de espazos públicos, adquirido cun investimento de 13.915 euros financiados a través do Fondo de Compensación Ambiental 2025. Trátase dun remolque de 750 quilos que pode ser desprazado por calquera vehículo municipal e que incorpora tecnoloxía avanzada para mellorar a eficacia das tarefas de mantemento.

O dispositivo inclúe unha hidrolimpadora de alta presión capaz de lanzar 15 litros de auga por minuto, un depósito de 400 litros, 100 metros de mangueira, lanzas con diferentes boquillas, un sistema de desatascos con 25 metros de mangueira e un lavapavimentos cun ancho de traballo de medio metro. Segundo explicou o concelleiro de Limpeza Viaria, Ángel Fernández Neira, “o equipo é moi versátil. Na limpeza de beirarrúas conectámolo a unha toma de auga para traballar con caudal constante, pero tamén podemos empregar o depósito para chegar a puntos sen rede de abastecemento. É un sistema cómodo e moi práctico para o persoal municipal”.

O alcalde, Fran Cajoto, puxo en valor esta adquisición que “supón un novo avance para mellorar a limpeza do noso concello, un dos obxectivos prioritarios do goberno local”. Ao mesmo tempo, lembrou a importancia da colaboración cidadá: “Pedimos civismo á hora de depositar o lixo nos contedores e respecto polo entorno. Manter un Foz limpo é responsabilidade de todos e todas”.

⚙ Configurar cookies
0.45282006263733